
O vindeiro 27 de xuño terá lugar unha xornada de portas abertas nas instalacións do Servizo de Atención Temperá de Quiroga, na Ribeira, en xornada de tarde, entre as 17:00 e as 20:00 h. Un servizo, con sede en Quiroga, pero que está integrado pola seguinte agrupación de concellos: Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober.
Dende o Servizo de Atención Temperá tiveron a iniciativa de reunir aos nenos usuarios do servizo e as súas familias, para desfrutar dunha xornada de convivencia no centro de Quiroga, no barrio da Ribeira.
O programa da xornada comezará ás cinco da tarde coa recepción de nenas e nenos, coas súas familias. Dende as 18:00e ata as 19:00 h poderán desfrutar dunha merenda e a partir das 19:00 terá lugar a actuación de maxia e globoflexia para os nenos/as de 3 a 6 anos. Os máis pequenos, de 0 a 3 anos, poderán realizar actividades co persoal do servizo.
O servizo de Atención Temperá comezou a dar servizo en setembro do 2020, co nome de Servizo de Atención Temperá da comarca de Quiroga, atendendo aos nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos do neurodesenvolvemento —ou en risco de padecelos— e ás súas familias.