O Servizo de Atención Temperá de Quiroga «está consolidándose»»

Comisión Mixta do Servizo de Atención Temperá de Quiroga
Este servizo abriu as súas portas en setembro do 2020 atendendo aos nenos entre cero e seis anos con trastornos do neurodesenvolvemento, ou en risco de padecelo, e ás súas familias

O pasado venres 28 de xuño reuniuse en Quiroga a Comisión Mixta do Servizo de Atención Temperá de Quiroga, un servizo que integra aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober.

A Comisión Mixta —formada por representantes de cada municipio— deberá reunirse de forma periódica durante o ano, como se contempla no convenio asinado entre os concellos,  para dar conta da xestión do servizo e tratar outros temas de interese de forma conxunta.

Na reunión aprobábase a acta do último encontro —9 de outubro de 2023—, o orzamento do servizo para a segunda anualidade subvencionable que remata o 31 de outubro de 2024, e a memoria relativa ao ano 2023.

Aínda que hai marxe de melloras puntuais, os alcaldes presentes amosaron a súa satisfacción por contar cunha atención temperá de calidade, de balde e próxima ás familias, que está consolidándose e funcionando moi ben.

Outro dos puntos da orde do día aprobado foi, en previsión da inminente convocatoria de subvencións para os Servizos de Atención Temperá, manter a agrupación e asinar un novo convenio para solicitar a achega económica que cubra o seguinte período subvencionable mantendo a xestión directa do servizo con persoal propio e dende o Concello de Quiroga.

Este servizo de Atención Temperá comezou a dar servizo en setembro do 2020, co nome de Servizo de Atención Temperá da comarca de Quiroga, atendendo aos nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos do neurodesenvolvemento —ou en risco de padecelos— e ás súas familias.

Trátase dun servizo que se xestiona de forma directa dende Quiroga, con persoal propio e que nunha primeira fase limitouse unicamente aos Concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. Ata entón, o equipo estaba conformado por un psicólogo, unha fisioterapeuta e un logopeda.

A principios do 2021 incorpóranse á agrupación os concellos de Sober, O Saviñao e Bóveda, polo cal quedan incluídos no novo Servizo. Posteriormente nun convenio asinado o 15 de outubro dese mesmo ano, anéxanse tamén A Pobra do Brollón e Pantón. Dado o aumento da poboación diana, engádense ao equipo unha segunda psicóloga, unha segunda logopeda, e unha terapeuta ocupacional.