Quiroga organiza un concurso de debuxo infantil sobre a Feira do Viño

Quiroga organiza un concurso de debuxo infantil sobre a Feira do Viño
Os traballos deberán de presentarse na Casa da Cultura antes do 12 de abril e entregaranse dentro dun sobre pechado no que se incluirán os datos do autor

O Concello de Quiroga organiza un concurso de debuxo infantil para a Feira do Viño, no que poden participar todos os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade. Os debuxos realizaranse en tamaño folio A4 tendo como tema a Feira do Viño.

O debuxo que deberá ser orixinal poderá realizarse en calquera medio plástico: lapis, tinta, acuarela, acrílico, óleo, collage, gravado ou mixto. Ademais, establécense tres categorías para o concurso, Categoría A para os participantes de 3 a 5 anos; B para participantes de 6 a 8 anos; categoría C de 9 a 12 anos.

Os traballos deberán de presentarse na Casa da Cultura antes do 12 de abril e entregaranse dentro dun sobre pechado no que se incluirán os datos do autor. Os gañadores deste certame recibirán premios sorpresa, tres por cada categoría.