«A Romaría da Ermida mantén tradicións que se perderon noutros lugares», afirma o párroco de Quiroga
A Romaría de Nosa Señora dos Remedios, celebrada cada 8 e 9 de setembro na parroquia da Ermida, Quiroga, é unha festividade singular que atrae por centos a fieis e curiosos cada ano, grazas á particular mestura de tradición relixiosa e elementos profanos que ofrece. «A romaría da Ermida mantén tradicións que se perderon noutros lugares», afirma don Jesús, párroco da igrexa, ao describir o valor único desta celebración.
Con figuras como as Pampórnigas, uns xigantes que acompañan a procesión, e O Meco, unha figura que representa ao diaño, a romaría ofrece unha ollada aos costumes do século XVI. Elementos deste tipo eran comúns nas procesións antigas, pero co tempo desapareceron na maioría das celebracións relixiosas, o que converte á romaría da Ermida nun evento excepcional en Galicia e en España.
O proceso para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) responde precisamente a esta riqueza patrimonial. Durante anos, a parroquia, co apoio da comunidade, traballou para preservar e restaurar pezas crave da romaría. «Recuperamos traxes, restauramos figuras e tamén recompilamos fotografías e documentos antigos que mostran como evolucionou esta tradición ao longo do tempo», explica don Jesús.
A romaría de Nosa Señora dos Remedios non só é unha manifestación de fe, senón tamén unha celebración cultural que conecta aos habitantes de Quiroga coa súa historia. Coa posible declaración como BIC, espérase que esta tradición reciba maior apoio e recoñecemento, asegurando a súa continuidade e difusión entre as xeracións futuras e os visitantes que desexen coñecer un dos eventos máis únicos da rexión.
Podes escoitar aquí a entrevista completa