José Luís Rivera mostra a súa sorpresa polo mutismo respecto a súa dimisión como concelleiro de Quiroga
José Luís Rivera mostrase sorprendido pola falta de información pública do Concello de Quiroga respecto da súa dimisión de concelleiro tras preto de 20 anos.
A súa andadura comezou nas eleccións municipais do ano 2003 no que concorreu por primeira vez na candidatura do Partido Popular de Quiroga acadando unha acta como Concelleiro. Ata a súa dimisión ocupou distintas responsabilidades no ámbito municipal chegando a ser tenente de alcalde.
Rivera é unha persoa moi coñecida na vila, traballou nun banco durante máis de 30 anos e forma parte da vida cultural de Quiroga xa que é o responsable da Agrupación de Gaitas dende 1992. Tamén participou activamente na organización das festas locais durante 40 anos e é un dos precursores da Feira do Viño creada en 1983.
O motivo da dimisión, segundo aclarou o xa ex concelleiro, foi por unha banda a «falta de confianza no alcalde e por outra a imposibilidade de convivir e sacar proxectos adiante para o municipio».
É preciso destacar que a esta última dimisión únese a da ex tenente de alcalde que se producida o pasado ano. As dúas dimisións destes membros do goberno local, en 2 anos, quedaron fora do foco público, algo que non deixa de ser sorprendente, ao igual que o tempo que se tardou en dar conta ao pleno da corporación da súa dimisión hai máis de 3 meses.
A día de hoxe, aínda non se cubriu o posto que deixou baleiro no mes de maio Rivera no goberno municipal. Preguntado polo futuro, Rivera apuntou que «este non é nin moito menos un punto e final na miña vida política, teño moito que aportar, Quiroga é o meu pobo e continuarei traballando para melloralo».