A Feira do Viño de Quiroga vive este sábado o seu día grande cun amplo programa de actividades

O alcalde destaca a aposta pola innovación e a dinamización económica nunha cita clave da primavera na Ribeira Sacra

A XLIV Feira do Viño de Quiroga alcanza este sábado o seu momento álxido cun completo programa de actividades que reunirá a veciños e visitantes arredor do viño e a música. Tras o arranque do venres, a vila prepárase para vivir a xornada central dunha das citas enoturísticas máis destacadas da primavera na Ribeira Sacra.

O recinto feiral abriu as súas portas na noite do venres, acompañado de catas e actuacións musicais, nun ambiente que xa anticipa a gran afluencia prevista para a fin de semana. Segundo o alcalde, José Luis Ribera, foi unha boa elección facela o venres pola tarde

Un sábado cheo de actividade

A programación deste sábado inclúe propostas para todos os públicos, entre as que destaca o XVII Certame Celtibérico de bandas de gaitas «Memorial Muíño», cun desfile pola Rúa Real e actuacións na Praza de España.

Tamén haberá animación musical polas rúas, co protagonismo da charanga, e un dos momentos máis agardados: o pregón, que terá lugar ás 20:30 horas e correrá a cargo de Edu Soto e Iván Massagué.

Durante a xornada tamén se entregarán distintos premios, como o do cartel da feira, o concurso de tapas e o tradicional concurso de camisetas, unha iniciativa que, segundo destacou o alcalde, aporta «un toque diferente e máis desenfadado» ao evento.

A noite rematará con música en directo e festa no recinto feiral.

Unha feira que aposta por innovar

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, subliñou que a feira continúa evolucionando cada ano coa incorporación de novidades e actividades paralelas.

«Temos que ir cos tempos, innovar e non quedarnos atrás. Todo o que sexa mellorar é positivo», sinalou, destacando tamén iniciativas recentes como a mostra de aceite, que tivo unha boa acollida.

Rivera puxo en valor a importancia deste tipo de eventos para a economía local: «Estas inversións teñen un retorno moi superior. Se queremos dinamizar a economía e que os negocios se manteñan vivos, temos que apostar por este tipo de actividades».

Música, tradición e participación

A música terá un papel fundamental durante toda a fin de semana, con actuacións pensadas para diferentes públicos, desde grupos locais ata sesións de discoteca móbil.

O alcalde tamén destacou o éxito do certame de bandas de gaitas, que reúne a centos de persoas e enche de ambiente as rúas de Quiroga xa desde a mañá do sábado.

A programación continuará o domingo con música tradicional e animación, poñendo o broche final a unha feira que cada ano gaña en participación e proxección.

Desde o Concello fan un chamamento á participación: «As distancias son curtas, así que todos están convidados a vir e desfrutar. O importante é pasalo ben e que todo transcorra con normalidade».