Durán protagonista no faladoiro de Quiroga,«O folclore como sinal de identidade do pobo»
O Centro Social de Quiroga acollerá o vindeiro mércores, 28 de maio, ás 18:00 horas, un novo faladoiro baixo o título «O folclore como sinal de identidade do pobo». A actividade desenvolverase na Biblioteca do Centro Social e contará coa participación do músico tradicional Manuel Durán, fundador da Escola de Música Tradicional Abertal, na Rúa, hai xa 36 anos.
Coincidindo co mes das Letras Galegas, que este ano están dedicadas ás cantareiras e á poesía popular oral, o encontro centrará a súa atención na importancia de conservar e poñer en valor o noso folclore: música, canto e baile tradicional como elementos esenciais da identidade galega.
Manuel Durán, natural dos Anguieiros, emigrado a Barcelona en 1970 e retornado a Galicia en 1987, é unha figura clave na recuperación e transmisión da música tradicional. En 1989 fundou a agrupación Abertal, na Rúa, na que continúa a súa labor como mestre e intérprete. Ao longo da súa traxectoria, colaborou con figuras como Montse de Leilía en tarefas de recollida da tradición oral, algunhas delas na parroquia de Montefurado.
Durante o faladoiro, Durán compartirá a súa experiencia vital e profesional, e afondará no traballo diario necesario para manter viva a nosa tradición musical. Tamén se abordará o estado actual do folclore galego e a necesidade de seguir transmitindo este patrimonio cultural ás novas xeracións.
Neste sentido, o propio Durán afirma que «ademais do noso idioma, o noso folclore é a parte máis importante da nosa identidade».
O encontro será moderado polo concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández Montes, quen convida á veciñanza a participar activamente.
O Faladoiro, organizado pola Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá do Concello de Quiroga, pretende ser un espazo aberto ao diálogo, á aprendizaxe e á socialización, no que as persoas asistentes poden intervir, preguntar e compartir experiencias a partir dun tema e dunha persoa convidada.