
San Bartolomé ergueuse cedo este 2025 para saír a procesionar polas rúas de Rubiá este 24 de agosto. Ás 10.30 horas as campás da igrexa anunciaban a festa, nun día marcado tamén pola preocupación polos incendios que afectan á zona de Casaio.

A imaxe do santo percorreu as rúas do pobo, baixando pola rúa San Romao, continuando pola rúa Campo e pasando por diante da Casa do Concello, para logo tomar a estrada de Villafranca. Como é costume, a comitiva fixo unha parada no altar instalado a metade do traxecto, mantendo así unha das tradicións dos veciños.

A xornada festiva arrincara onte coa música da orquestra Costa Dorada, e este Día do Patrón contou coa animación da charanga Los Bercianos durante a procesión e a misa. Pola tarde e á noite a festa continuará coa actuación da orquestra Solara de Vigo e a popular Xira da Cucharita, que porá o peche á celebración.

San Bartolomé o apóstolo que «estaba debaixo da figueira»
San Bartolomé, patrón de Rubiá, foi un dos doce apóstolos de Xesús. Moitos identifican a Bartolomé co Natanael do Evanxeo de San Xoán, chamado “regalo de Deus”. O seu encontro con Xesús foi decisivo: recoñeceu nel ao Fillo de Deus e converteuse nun discípulo incondicional. A tradición conta que predicou en India e Armenia, onde converteu a numerosas persoas antes de ser martirizado: arrincáronlle a pel e despois decapitárono. Por iso a arte antiga represéntao coa súa propia pel ao ombreiro. A súa memoria lembra que a santidade consiste en amar a Deus e servir aos demais con fidelidade.

Tamén é coñecido como o apóstolo que «estaba debaixo da figueira», segundo relata San Xoán. Cando o seu amigo Filipe lle falou de Xesús de Nazaret, Bartolomé mostrouse escéptico. Mais ao encontrarse con Xesús, foi el quen o sorprendeu dicíndolle que xa o coñecía, que era “un israelita sincero e sen dobrez” e que xa o vira meditando baixo a figueira. Ante esta revelación, Natanael fixo unha solemne profesión de fe: “Ti es o Fillo de Deus, ti es o Rei de Israel”.

Fotos cedidas