martes. 01.07.2025

O Colexio de Rubiá gaña o concurso de cartaces para difundir as Letras de Florencio

Os cartaces son 10 pezas de gran formato debuxados integramente pola rapazada e distribuiranse cunha unidade didáctica elaborada tamén polo centro
somoscomarca_florecnio_letras_2022-02-16
O Colexio de Rubiá gaña o concurso de cartaces para difundir as Letras de Florencio

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo público o nome do centro gañador do concurso de cartaces das Letras Galegas 2022 e que na categoría de Infantil e Primaria recaeu no CEIP Virxe do Camiño de Rubiá.

A directora do centro, Andrea Tato, explicou que xa se presentaran noutras ocasións pero que no caso de Florencio puideron poñer en valor o traballo feito durante anos para difundir ao autor valdeorrés. «Colaboramos co proxecto das Letras para Florencio dende o inicio así que estabamos moi familiarizados coa potencialidade da súa obra para traballar na escola, hai moita Valdeorras neses debuxos e estamos moi contentos, claro».

Os cartaces son 10 pezas de gran formato debuxados integramente pola rapazada e distribuiranse cunha unidade didáctica elaborada tamén polo centro. Ata que sexan distribuidos pola Xunta non poden amosalos e tiveron que retiralos das súas publicacións en Internet para que permanezan inéditos.

Ademais da satisfacción polo recoñecemento, o premio está dotado con 2.000€ que planean invertir en equipamento tecnolóxico para fomentar a creatividade. Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, celebrou tamén que o premio recaera nun centro educativo da comarca destacando que ten unha forte visibilidade xa que os cartaces estarán nas paredes de tódolos centros educativos de Infantil e Primaria de Galicia.

Álvarez lamentou que o concurso de secundaria quedase deserto se ben destaca que «os centros educativos son unha peza fundamental da celebración da Letras Galegas e da transmisión da nosa lingua e hai que agradecer a súa implicación e incentivala con concursos coma este».

O Colexio de Rubiá gaña o concurso de cartaces para difundir as Letras de Florencio