O libro póstumo de Yosso protagonista no Día das Letras Galegas no Bolo
O Museo Yosso acollerá a presentación do libro póstumo do artista de Valbuxán, Monforte 1951-52. Un acto na súa memoria, encadrado dentro da celebración do Día das Letras Galegas, no que se lerán poemas do autor e farase unha visita guiada polo museo.
Seguir atraendo turistas é un dos obxectivos do Concello do Bolo. A maiores tamén se está a celebrar os 400 anos do Santuario das Ermitas. Con motivo destas actividades, o alcalde, Alberto Vázquez, explica todo o que se pode ver no municipio.
Para conmemorar ese aniversario «empezamos cunha exposición de cinco paneis explicativos de como foi a evolución da construción. O 25 de maio teremos conferencias para falar da historia, e xa o tres de agosto haberá un concerto de música sacra», enuncia Vázquez.
Sumado a estas actividades atópase a guía turística. «Iniciamos o novo contrato en Semana Santa. Atende de venres a domingo polas mañás, tanto o Santuario, o Castelo como o Museo de Yosso. Tamén realiza distintas actividades», asegura o alcalde. Una das propostas é «unha presentación no museo o próximo 18 de maio dun libro». Será a partir das 18:00 horas.
Finado o 31 de agosto de 2021, este foi o último libro que escribiu Xosé de Valbuxán: Monforte 1951-52. Nel conta historias do ano que pasou estudando no colexio dos Escolapios de Monforte de Lemos.
Durante esta presentación, intervirá Aurelio Blanco Trincado (presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses) e o historiador Isidro García Tato. Un acto, aberto ao público, de homenaxe a este poeta, no que ademais de presentar o libro, farase lectura das súas poesías e anímase a todos os visitantes que o desexen a que lean unha poesía, farase visita de balde ao museo e haberá tamén música.