domingo. 08.06.2025

Vilariño celebra o seu primeiro magosto con máis de 100 veciños

Vilariño —poboación pertencente ao Barco de Valdeorras— celebrou o magosto coa participación de máis de 100 veciños, o  pasado sábado 10 de novembro. Segundo Roberto Paradelo, secretario da Asociación de Veciños de Vilariño: «Podemos dicir que o magosto realizado pola Asociación de Veciños de Villariño foi todo un éxito, con mais de 100 persoas na súa primeira edición».

Un menú conformado por empanadas, chourizos e panceta, no que non faltaron as castañas asadas e no que os doces tamén foron protagonistas. «Cada muller puxo seu doce  e iso xa parecía mais un concurso de doces que un magosto», asegurou entre sorrisos Roberto. Un café ou un chocolate ao remate foi do agrado dos asistentes. «Sempre o magosto e toda a comida acompañada de viño caseiro, cervexa,  refrescos, zumes, tónica e non podía faltar auga pos mais pequenos», subliñou Paradelo acerca das bebidas.

O secretario tamén agradeceu no nome da asociación a participación dos asistentes neste primeiro magosto e asegura a súa continuidade. «Moitas gracias a todos e para o ano intentarémolo facer mellor e con máis ganas e animo, despois de ver este gran resultado nesta primeira edición», concluía Roberto.

A nova directiva da asociación de veciños de Vilariño está traballando a arreo para por en valor o seu pobo. Desde outubro de 2017 que comezaron a súa andadura, levan xa máis de 100 asociados e non queren parar aí. Roberto Paradelo Gómez secretario da asociación, con que nos puxemos en contacto, contou que queren que o pobo se xunte máis a miúdo. «Que a festa ou un enterro non sexan só a única maneira de verse», dixo o secretario. A seguinte «quedada», será para a Noite de Reis onde pretenden recuperar a tradición de cantar os Reis polas casas e co que lle dean facer outra merenda. «Como agora non se ceban cochos e tampouco hai moita xente no pobo, xa que a maior parte vive no Barco, o que faremos e xuntarnos e que cada un traia o que poda, panceta, chourizos, empanada...», sinalou Paradelo. Y é que calquera «escusa» ven ben para xuntarse.

Desde a asociación tamén queren darlle maior difusión á Festa do Anxeliño —domingo anterior ao Entroido— que tantos romeiros trouxo a Vilariño noutros tempos. Animar á xente que visite o pobo, sobre todo en época de festas. Unha carpa con calefacción, xa que case sempre coincide a festividade en febreiro, é algunha das cousas nas que se está a pensar.

Vilariño celebra o seu primeiro magosto con máis de 100 veciños