
Vilanova terá helicóptero durante o verán

A base de Vilanova, situada no Barco de Valdeorras terá helicóptero contra incendios durante o verán tras o acordo alcanzado polo Bloque Nacionalista Galego co Partido Popular no Parlamento de Galicia.
A deputada do BNG, Noa Presas instou á Xunta de Galicia a rectificar a súa decisión de retirar o helicóptero de incendios do Barco de Valdeorras da base de Vilanova -apelando ao grave risco de incendios nos diferentes concellos da comarca- e xestionar o seu mantemento en condicións axeitadas de funcionamento, todo elo xunto a un informe sobre as condicións e actuacións levadas a cabo na propia base de Vilanova para garantir a súa operatividade.
Presas tamén reclamou un servizo permanente dotado dos medios necesarios. e comentou que "resulta difícil de entender despois de que o BNG denunciara hai 11 meses que a Xunta de Galicia decidira, sen explicacións e información ao persoal de extinción nin ás alcaldías da comarca, ou cando menos non a todas, decidira retirar o dispositivo dun helicóptero de incendios da base de Vilanova no Barco de Valdeorras" afirmou a ourensana.
A base comezou a dar servizo no ano 1992 investindo -segundo o grupo nacionalista- diferentes cantidades de cartos públicos para quedar agora abandonada, durante a intervención ante a cámara, Presas amosou diversas fotografías para ilustrar o abandono da base, “non houbo desbroce, o peche está roto, e a herba supera máis do medio metro, por iso demandamos con urxencia unha rectificación” recalcou.
A deputada acusou ao Partido Popular de demostrar “cero interese pola comarca de Valdeorras” recordando a primavera fría e húmida, pero advertiu que esta situación cambiará nuns días coa chegada do calor e o Partido popular “non pode mirar para outro lado, ten que tomar nota do que aconteceu o ano pasado coa vaga de lumes, e poñer en marcha as medidas necesarias para que esa situación non se repita. "Ourense precisa máis medios” afirmou.
Co acordo do BNG e o Partido Popular para reabrir de inmediato a base de Vilanova e garantir o helicóptero contra incendios durante o verán, o grupo nacionalista anunciou que seguirá presentando iniciativas para que o servizo se manteña de maneira permanente, e a base de Vilanova acolla as obras necesarias para a súa óptima operatividade.