domingo. 01.06.2025

«O verdadeiro produto de cercanía está na praza de abastos»

Oliver Fernández elaborará os petiscos que mañá sábado serán degustados no mercado municipal de O Barco a partir das 11:00 horas. Tamén haberá animación infantil
somoscomarca_obarco_231004_comoencasa_empresa_comida_oliverfernandez20233559 (8)
somoscomarca_obarco_231004_comoencasa_empresa_comida_oliverfernandez20233559 (8)

Mañá sábado día 25 de maio celébrase o Día do Mercado cunha campaña da Xunta de Galicia para «incentivar o consumo de produtos frescos e a compra de proximidade». Trátase da campaña Quere o teu mercado, que no Barco se vai celebrar a partir das 11:00 horas na praza de abastos. 

«Faremos máis ou menos 20 petiscos para cada posto do mercado, e hai sete. En total sacaremos arredor de 150 pinchos», contaba Oliver Fernández, de Como en Casa. «Elaboraremos os petiscos con produtos da propia praza, xa que eu vou a diario e están entre os meus principais provedores». En ditos petiscos, «diferentes», haberá opcións de carne, verduras e tamén postre con frutas «cos produtos principais que cada praceiro queira destacar do seu posto».

Campaña Quere o teu mercado, anos anteriores.

Oliver Fernández é asiduo do mercado, e vai «a primeira hora da mañá, case cando están abrindo, e aínda que a esas horas hai sempre menos afluencia de xente, si que noto que antes había moita máis clientela». Valora o cociñeiro as crenzas sociais arredor da compra de produtos, explicando que «moitas veces pensamos que conseguimos mellores alimentos nas grandes plataformas pero é ao revés: o verdadeiro produto de cercanía está na praza». 

Precisamente incidindo nesa cercanía, quixo lembrarse dos «gandeiros e agricultores da nosa zona, que cando teñen algo por vender, sempre van facelo no mercado, non nesas grandes superficies». Animaba ademais á xente a «acudir mañá ao mercado pero que non veñan só a degustar os petiscos, senón tamén a mercar os produtos que son a base desas elaboracións». 

Campaña Quere o teu mercado, anos anteriores.

Dentro desta campaña —Quere o teu mercado— a Xunta de Galicia entregará agasallos para os clientes, e o Concello do Barco repartirá bolsas rotuladas para que todos os praceiros as entreguen aos clientes. Os máis cativos da casa poderán desfrutar dun circo de rúa, con malabares, da man de Kote Malabar, a partir das 11:00 horas

Se quere escoitar a entrevista completa a Oliver Fernández, pode premer neste enlace de audio

«O verdadeiro produto de cercanía está na praza de abastos»