Valdeorras únese ás mobilizacións en apoio a Palestina e denuncia a complicidade internacional

A cidadanía de Valdeorras mobilízase contra o xenocidio en Palestina, sumándose ás protestas en toda Galicia para esixir xustiza e solidariedade co pobo palestino

Este luns, 4 de novembro, veciños da comarca de Valdeorras uníronse na praza do concello para manifestarse a favor do pobo palestino. O manifesto que se leu foi o seguinte:

Continuamos nas rúas porque continúa o xenocidio do pobo palestino. A punto de se cumpriren 13 meses de masacres, con Gaza arrasada e máis de 43 mil civis asasinados só dentro dos seus muros, os pobos do mundo seguen protestando diante da impunidade sionista e nós, galegas e galegos, unímonos no noso país nunha nova convocatoria en 34 localidades. É o noso deber: pórmonos en pé contra a barbarie e denunciarmos non só os criminais, senón tamén quen os apoia.

E, en particular, quen os apoia e di representarnos. Denunciamos os crimes contra a humanidade do Estado de Israel. Denunciamos o xenocidio e denunciamos, tamén, a estratexia que pretende mostrar os sionistas como se fosen as vítimas. Hai uns meses, Israel chamaba terrorista ao Tribunal Internacional de Xustiza por recoñecer que o que está en curso na Palestina é un xenocidio e acusaba as Nacións Unidas de antisemitismo, mentres coa outra man estendía os ataques aos países veciños que se solidarizaban coa Palestina, da Síria ao Iemen e do Líbano a Irán.

Esta semana, nun novo paso á fronte, Israel rompe o acordo que permitía á UNRWA operar nos campamentos de refuxiados e levar axuda humanitaria, acusándoa de ligazóns coa Resistencia palestina. Non nos deixemos enganar. Ao sionismo non lle importa a UNRWA. O que quer é impedir que a axuda humanitaria chegue. O que quer é cortar a axuda á poboación civil, agravar aínda máis a situación en Gaza e, en última instancia, empurrar as palestinas e os palestinos a abandonaren os seus fogares ou as súas ruínas.

Este é o único obxectivo de Israel. E xa o dixemos varias veces, pero debemos insistir. Nada disto, nin os bombardeamentos macizos nen o terror sionista tería lugar sen o apoio directo dos Estados Unidos e sen a cobertura diplomática da Unión Europea. Estas potencias imperialistas, que se presentan sempre como garantes de dereitos humanos, postas diante do sufrimento das incontábeis vítimas deciden ollar para outra parte e continuar facendo negocios cos criminais. Por que continua o Estado español a asinar contratos militares co complexo industrial-militar sionista, se o goberno de Pedro Sánchez leva meses dicindo que non o fai? Cada vez que anuncian a cancelación dun acordo, descubrimos novos contratos.

Debemos denunciar tamén o papel da Xunta de Galiza. O presidente Alfonso Rueda aínda non atendeu a solicitude de reunión que a Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina fixemos en nome de todo o pobo mobilizado e das máis de 200 organizacións e entidades que apoiaron a última manifestación nacional en outubro. Esta posición de indiferenza absoluta fronte á barbarie é indigna e indignante.

Non podemos tolerar que o goberno galego continúe de perfil e en silencio. Engadimos a isto a negativa da CRTVG a recibir á Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina, rexeitando así dar voz a un movemento social que leva máis de mil mobilizacións no último ano.

A súa resposta por escrito foi para negar calquera ocultamento, pero a realidade fala por si soa: o silencio mediático é un acto de complicidade que busca invisibilizar o apoio popular á causa da Palestina, e contrasta de maneira indecente coas entrevistas a voceiros sionistas e aos seus palmeiros. Mais repetímolo. Con ocultamento ou sen el, continuaremos mobilizándonos nas rúas.

Facémolo porque defendemos non só os dereitos do pobo palestino, o dereito á paz e á vida, o dereito á autodeterminación dos pobos, senón tamén os principios universais de humanidade e xustiza. E non desistiremos até que quen nos goberna adopte unha postura clara e firme de condena  ao xenocidio, á ocupación e a todos os seus crimes.