domingo 29/5/22

Teatro, concertos, obradoiros e contacontos para celebrar As Letras Galegas no Barco

Os actos comezan esta mesma fin de semana e alongaranse ata o 19 de maio. Hai actividades para todos os públicos
somoscomarca_tlo_teatro_exposicion_florenciodelgadogurriaran_victorfreixanes_rag_Alfredogarcia_corzo_alvarofernandez_enrique_raquelmaria_2022-05-04 (6)
Teatro, concertos, obradoiros e contacontos para celebrar As Letras Galegas no Barco

O Concello do Barco elaborou un amplo programa de actividades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Trátase dunha programación destinada a todos os públicos e que comeza esta mesma fin de semana.

O sábado 14 de maio, de 11:00 a 13:00 horas celebrarase un Obradoiro de Xogos tradicionais dirixido a nenos e nenas que queiran coñecer xogos populares e tradicionais. A actividade vai dirixida a nenos de entre 3 e 12 anos, acompañados dun adulto, xa que do que se trata é de xogar en familia e con outras familias. As inscricións deben facerse na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán.

Domingo 15 de maio

Ás 12:30 horas: Contacontos para nenos: Florencio nas Ondas. Inscrición previa na Biblioteca FDG. A actriz Raquel Queizás guiará un programa de radio moi especial no que coñeceremos algo máis sobre o poeta de Córgomo. A actividade realizase á beira do río Sil, á altura da Biblioteca, para poder gozar da natureza que tanto apaixonou a Florencio.

Luns, 16 de maio

 

Ás 19,00 horas, no exterior do Teatro Lauro Olmo, realizarase a entrega gratuíta ao público de briks de leite Feiraco, personalizados coa imaxe de Florencio Delgado Gurriarán, coa animación musical do grupo “Señor Jingles”.

Ás 20,00 horas.- Concerto das Letras Galegas, no que o grupo Zoar interpretará obras de Adolfo Salazar, Jesús Bal y Gay, Rodolfo Halffter, Frederic Mompou e Gerardo Gombau, e a soprano Clara Jelihovschi Panas porá voz a poemas de Amado Carballo, Ramón Cabanillas e Florencio Delgado Gurriarán. Tamén terá lugar a estrea da peza “Diásporas” de Carme Rodríguez sobre textos de Florencio Delgado Gurriarán, encargada polo Consello da Cultura Galega para esta celebración.

Martes, 17 de maio

Ás 11,00 horas.-Teatro Lauro Olmo.-Acto institucional do Día das Letras Galegas, coa actuación de Roi Casal. Para asistir, faise precisa reserva previa.

Ás 11,00 horas.-. Vixésima edición do Maratón de Lectura organizado pola asociación Vagalume e o Concello do Barco. Terá lugar na praza do Concello. Aberta a todos os que queiran participar.

Ás 20,00 horas.- Teatro.- “Fantoches Baj” presenta a obra “Tras os vieiros de Florencio”. Trátase dunha peza de teatro performance para público adulto incluída na xira patrocinada polo programa FALAREDES da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A entrada é libre ata completar o aforo. 

Trátase dun relato autobiográfico sobre Florencio Delgado Gurriarán, no que tamén se intercalan algúns dos seus poemas. A obra conta como, tralo periplo habitual como visitador de farmacia pola contorna de Guadalaxara, Florencio D. Gurriarán, chega a casa canso e sedento polo moito peso do seu maletín, onde trae frascos farmacéuticos cheos de area da praia de Manzanillo.

Pouco a pouco, sobre unha caixa con pedriñas, e ante un público familiar, vai deitando area ata construír un túmulo simbólico onde chorar a morte do seu admirado amigo, recentemente falecido, Aquilino Iglesia Alvariño; ao tempo que lembrará os vieiros que percorreu ata chegar ao seu exilio mexicano.

Xoves 19 de maio

Ás 19:00h.- Contacontos: Vendimando Versos. A actriz Soledad Felloza protagoniza un espectáculo de versos e crónicas ao rededor da obra de Florencio Delgado Gurriarán. Unha viaxe desde Valdeorras a México. Unha historia de amor pola terra, a lingua e os costumes e tradicións dos seus veciños.

                            

Teatro, concertos, obradoiros e contacontos para celebrar As Letras Galegas no Barco