Unha semana chea de actividades co gallo da celebración Día do Libro no Condesa de Fenosa
O CEIP Condesa de Fenosa do Barco continúa coa súa programación especial polo Día do Libro cunha completa proposta de actividades que teñen como obxectivo fomentar o gusto pola lectura e poñer en valor o papel dos libros na comunidade educativa.
Tras unha primeira semana marcada por iniciativas participativas, o centro encara agora outra das citas destacadas: a visita deste luns de Paco Nogueiras, que ofrecerá un espectáculo de contacontos e música dirixido ao alumnado de 1º de primaria e 3 anos de infantil, combinando animación e aprendizaxe arredor da lectura.
Un programa que implica a toda a todo o colexio
Entre as actividades xa desenvolvidas, destacou o tradicional mercadiño de intercambio de libros, unha iniciativa que cada ano conta cunha gran participación do alumnado. O funcionamento é sinxelo: os nenos e nenas levan libros da casa, en bo estado e axeitados á súa idade, e reciben a cambio billetes cos que poden escoller novas lecturas na biblioteca do centro.
Ademais, o pasado día 23, o grupo Migallas protagonizou unha das citas máis especiais coa representación da obra «O Libro Máxico», dentro do programa Lectura e Familias. A actividade reuniu a alumnado e familias nun espazo compartido arredor da imaxinación, a lectura e os vínculos familiares.
Unha biblioteca renovada e aberta ás familias
A programación complétouse cunha novidade moi especial, a inauguración da entrada á biblioteca do centro, que foi recentemente acondicionada para reforzar o seu papel como espazo clave na vida escolar.
Nos próximos días organizaranse visitas guiadas nas que se explicarán todos os elementos deste renovado espazo, pensado para ser máis atractivo e funcional. Estas visitas estarán abertas tanto ao alumnado como ás familias, que poderán coñecer de primeira man este recuncho dedicado aos libros.
Ler, compartir e medrar
Con esta programación, o CEIP Condesa de Fenosa reafirma a súa aposta pola lectura como ferramenta fundamental no desenvolvemento educativo e persoal do alumnado.
Unha semana na que os libros sairon das estanterías para converterse en protagonistas… e na que o máis importante é seguir alimentando o hábito de ler, compartir e imaxinar
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado