
O Concello do Barco publicou hoxe na sede electrónica o concurso para a adxudicación do proxecto de pavimentación, saneamento, abastecemento e pluviais nas rúas A Ribeira, Soto de Yáñez e A Veiguiña. O orzamento das obras é de 190.000 euros e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 12 de xuño. O prazo de execución dos traballos é de catro meses dende a adxudicación.
A presentación de proposicións e documentos para este procedemento realizarase exclusivamente a través da Plataforma MERCURIO, onde tamén se atopa toda a documentación relativa a este concurso, os anuncios de licitación, os proxectos e os pregos técnicos e administrativos.
Actuacións na Ribeira
Na rúa da Ribeira as obras comezarán coa demolición do pavimento existente en calzadas e beirarrúas no tramo afectado polas obras e a substitución das redes de abastecemento, saneamento e pluviais. Tamén serán renovados os elementos asociados como as acometidas domiciliarias, baixantes, sumidoiros, pozos de rexistro, arquetas, etc.
Procederase ao rasanteo do terreo e realizaranse a ambos lados beirarrúas de plaqueta hidráulica similar á existente, e se fresará e repoñerá o firme de aglomerado ao longo e ancho da calzada. Ademais, na marxe esquerda do tramo final da rúa existe un tramo sen pavimentar, polo que se procederá ao saneo do mesmo, ao recheo e compactado do terreo e á execución dunha rígola de formigón de 30 cm contra o muro existente, para evitar que as augas da choiva poidan afectar ao mesmo.
Fresarase tamén todo o ancho da rúa e procederase ao estendido dunha capa de cinco centímetros de aglomerado en todo o ancho existente, incluída a parte saneada ata a rígola de formigón executada. Por último, pintarase un paso de peóns e colocaranse as sinais correspondentes.
Obras na rúa Soto de Yáñez
En Soto de Yáñez levarase a cabo a renovación dos servizos que discorren pola marxe dereita da mesma. Para iso comezarase coa execución das gabias de sumidoiros e abastecemento e coa substitución das conducións de abastecemento actuais por outras novas. Tamén renovarase a rede de saneamento, conectando ambas ás redes actuais.
Tamén serán substituídos os elementos asociados ás mesmas: acometidas domiciliarias, baixantes, sumidoiros, pozos de rexistro, arquetas, válvulas etc. Posteriormente repoñerase o pavimento afectado polas gabias.
Renovacións previstas na Veiguiña
Na Veiguiña está prevista a renovación da beirarrúa e os servizos que discorren pola marxe dereita da mesma. Comezarase pola demolición do pavimento existente nas beirarrúas, e pola substitución das redes de abastecemento e saneamento. Substituirase a tubaxe de abastecemento actual por outra nova, e a rede de saneamento por unha condución nova, conectando ambas ás redes actuais.
Por outra banda renovaranse os elementos asociados ás mesmas: acometidas domiciliarias, baixantes, sumidoiros, pozos de rexistro, arquetas, válvulas, etc. Rasantearase o terreo, e realizarase unha beirarrúa de plaqueta hidráulica similar á existente, co seu correspondente bordo e rígola. Repoñerase tamén o pavimento de aglomerado e a pintura afectadas polas gabias dos entroncamentos dos novos servizos coas redes existentes. Por último, pintarase un paso de peóns.