viernes. 20.06.2025

A renovación da climatización avariada no Edificio Multiusos do Barco sae a concurso

O orzamento é de 108.199 euros, e as ofertas poden ser presentadas polos interesados ata o 2 de setembro, incluído
somoscomarca_obarco_concello_edificio_2022 (3)

O Concello do Barco sacou a concurso a adquisición e instalación da climatización en parte das dependencias do Edificio Multiusos. O orzamento é de 108.199 euros, e as ofertas poden ser presentadas polos interesados ata o 2 de setembro, incluído. Unha vez firmado o contrato de adxudicación, as obras terán un prazo de execución de tres meses.

As obras obxecto do concurso teñen por obxecto a renovación dos equipos de climatización da planta terceira, onde se atopa o Salón de Actos, e que están avariados, e a instalación e novos sistemas en despachos situados noutras plantas e que, ao ser de nova creación, non dispoñen de climatización. Na planta baixo cuberta hai instalacións de uso administrativo, zonas de atención ao público, despachos, salas de reunións, distribuidores e locais para actividades varias.

Nestes momentos, no Edificio Multiusos disponse de climatización, mediante bomba de calor, nas plantas inferiores da edificación, pero na planta baixo cuberta desta edificación hai equipos antigos de máis de 20 anos de antigüidade, con condutos de aire e reixas con máquinas exteriores de gran tamaño, anticuados, obsoletos, que dan problemas recorrentes e avarías reiteradas, e que teñen baixo eficiencia enerxética e eficacia.

Ademais, a realización dalgunhas divisións nos últimos anos en plantas inferiores provocou que algunhas zonas non dispoñan de instalacións de climatización, polo que se aproveitará a renovación dos equipos da planta baixo cuberta para dotar a estes despachos das correspondentes instalacións. Con estas actuacións, mellorarase sensiblemente o confort, tanto dos usuarios como dos traballadores do edificio, incrementando a calidade das instalacións e o seu rendemento enerxético.

Neste senso, están proxectados equipos co mínimo consumo de enerxía posible, conseguindo así unha redución no consumo enerxético, o que contribuirá tanto reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro como aforrar na factura enerxética.

A renovación da climatización avariada no Edificio Multiusos do Barco sae a concurso