viernes. 30.05.2025

Teatro para todos os públicos: O Barco aposta pola diversidade escénica

O primeiro cuadrimestre do ano traerá espectáculos de danza, teatro infantil, monólogos e clásicos, con nomes destacados como El Brujo ou a produción de "O Auto do Castromil"

somoscomarca_241206_obarco_concierto_tlo_solidario748

A concelleira de Cultura do Concello do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta, compartiu os detalles da programación teatral do Teatro Lauro Olmo para os primeiros meses de 2025, destacando a importancia de coñecer ben ao público receptor e de garantir a calidade das propostas culturais. Segundo Pizcueta, a oferta cultural é moi ampla, polo que é necesario «un traballo de criba para ofrecer espectáculos de calidade que se adapten ao orzamento dispoñible».

A programación do teatro estará centrada nun 45-50% en obras provenientes da rede galega de teatros e auditorios, que están subvencionadas, o que permite ofrecer entradas a prezos reducidos, de 5 euros. Pizcueta sinalou que durante os meses de marzo, dedicado á muller, e abril, ao mes da poesía, se intentará traer propostas que se centren en estas temáticas.

Pizcueta destacou que, ao seleccionar as obras, tamén «se ten en conta a repercusión crítica e a acollida do público». Un exemplo disto é a obra do Auto do Castromil. Unha obra que se basea nun texto de Manuel María e que chega da man do convenio coa Fundación Manuel María. 

Outro dos momentos destacados da programación será a actuación de El Brujo, un dos mellores actores do país, que volve ao Barco despois de 20 anos. A concelleira tamén comentou a súa achega ao mundo da danza, unha materia pendente para ela.

Programación cultural

A programación inaugurábase con "Go Home" e "Branca Vela", 17 e 18 de xaneiro respectivamente, dentro dos espectáculos pola Festa do Botelo. A próxima, e última, cita do mes será o venres 24 ás 21:00 con "O Auto do Castromil". A obra acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. 

Febreiro ofrecerá catro espectáculos, comezando o día 2 con "Nada se sabe", unha obra de Cultura Produccións e CDG, que se representará ás 18:00 horas. O día 7, ás 21:00 horas, chega "Neura", de Cía STE Xeito Producción, unha comedia que aborda o tema da saúde mental. O 14 de febreiro, día de San Valentín, "Entrega en Man", de Cía Contraproduccións, ofrecerá unha historia intensa e reflexiva. O mes pecharase cun clásico infantil: "Bella y Bestia", de Teatro Valderas, o 22 de febreiro ás 21:00 horas.

Marzo inicia o día 7 co monólogo "Cita con tu sexóloga", de Silvia Pérez, unha proposta cómica que abordará relacións e sexualidade con moito humor. O 21 de marzo, "Mi vida en el arte", de El Brujo, será un dos pratos fortes do mes, con unha mirada única á vida artística. Finalmente, o 28 de marzo, "Testosterona", de Cía Malasombra, pechará o mes falando da desigualdade laboral. Todas elas ás 21:00,

Esta programación finaliza en abril con dúas propostas moi visuais e dinámicas. O 4 de abril chega "Sofá", de Cía Martaalonsotejada, un espectáculo que mestura movemento e teatro. O ciclo pecharase o 25 de abril con "Territorios de Liberdade", de Cía Tanxarina, unha aposta pola narración e o teatro de monicreques.

Recordar que as entradas estarán dispoñibles na billeteira do teatro desde unha hora antes de cada función.

Teatro para todos os públicos: O Barco aposta pola diversidade escénica