O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras acollerá este domingo 19 de xaneiro, ás 20:00 horas, a actuación de Xosé Manuel Budiño dentro dos actos da Festa do Botelo. O gaiteiro presentará o seu último traballo, Branca Vela, un proxecto que busca volver conectar coa música tradicional galega pero cunha posta en escena renovada.
«Este disco fíxeno para volver conectar con como comecei», explica Budiño, lembrando os seus primeiros pasos tocando para grupos de baile e bandas. Aínda que leva anos creando a súa propia música, sentía a necesidade de recuperar esa esencia. «Branca Vela é unha homenaxe a todos aqueles comezos nos anos 80, cando empezamos a descubrir a música tradicional».
O concerto contará cunha banda formada por músicos novos que combinan o coñecemento da tradición con novas inquietudes musicais. «Vaime acompañar Andrés Boutureira na percusión, Inés Salvado nas voces, Tania Caamaño nas percusións tradicionais e nas voces, e Fran Barcia no acordeón e na parte electrónica», detalla o artista. Ademais, o espectáculo terá un compoñente visual moi potente. «Temos unha pantalla na que proxectamos imaxes e letras, o que fai o espectáculo máis atractivo».
Budiño lembra con agarimo as súas anteriores visitas ao Barco de Valdeorras: «Estiven aquí na presentación do meu primeiro disco no ano 1997 e volvín no 2004. Fai como 20 anos que non actúo no Barco, así que teño moitas ganas de regresar e atoparme coa xente que convive coa música tradicional da zona».
O obxectivo do espectáculo é claro: «Queremos que en algún momento a xente se anime a bailar». Por iso, convida a todos a asistir e gozar dunha noite de música e emoción. «Será unha velada inesquecible», asegura.