viernes. 30.05.2025

Cancelada a conferencia de Eloy Moreno nos Encontros Familia-Escola organizados por Vagalume

A Asociación lamenta a suspensión dun evento con todas as entradas vendidas e destaca que é a primeira vez en 25 anos que sucede algo semellante. Aínda que a programación continúa igual

somoscomarca_obarco_vagalume_josefernandez_xuxo_magia_2019_03_13-6.jpg
José Fernández, presidente da Asociación Vagalume Valdeorras

A Asociación Vagalume anunciou a cancelación da conferencia do escritor Eloy Moreno, prevista para o 22 de xaneiro, dentro dos Encontros Familia-Escola. Segundo explicou o presidente da asociación, José Fernández, «é a primeira conferencia que se cancela nos 25 anos de historia que levamos e nas 22 edicións de Encontros Familia-Escola».

Ademais, destacou que todo estaba organizado e que se contaba coa presenza de autoridades como o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; o xefe territorial de Educación de Ourense; o alcalde do Barco e a concelleira de Cultura e Educación, ademais dos patrocinadores do evento. «Para nós supuxo un contratempo moi importante porque queda un pouco en dúbida o noso traballo. Eu creo que a xente que nos escoita e todos os asistentes que estaban previstos o comprenderán e verán que non é unha responsabilidade propiamente nosa», afirmou.

O presidente de Vagalume explicou que a cancelación se debe á xestión da editorial e á decisión de Eloy Moreno de non acudir. Ademais, sinalou que se establecera unha entrada simbólica de 5 euros para contribuír aos custos da conferencia, cun aforo de 280 persoas e todas as entradas esgotadas. «Desde aquí pedir desculpas e sobre todo dicir que todas as entradas que se recolleron en librería Praxis se poden entregar e recibir o reintegro correspondente», engadiu.

Tamén informou de que se adquiriran 100 libros de Eloy Moreno para a conferencia, e que aqueles que os compraron coa idea de que foran asinados poderán devolvelos en Librería Praxis polo mesmo prezo que os adquiriu a asociación.

José Fernández lamenta que non se lles dera a opción de aprazar o evento sinalando que organizar este tipo de eventos é complicado. «De feito, puxemos esta no mes de xaneiro, que nunca se poñen nestas datas, porque é un mes frío e non é o máis apropiado para mobilizar a xente», explicou. Agora esperan a próxima conferencia do 25 de febreiro con Rosa Molina para inaugurar os Encontros Familia-Escola deste ano.

O presidente da asociación lembrou que xa tiveran contacto con Eloy Moreno en 2019 para unha conferencia e sinatura do libro "Invisible", destacando que daquela a comunicación co escritor fora moi boa. Aínda así, asegurou que seguirá recomendando a lectura da obra.

A directiva reuniuse para valorar a situación e estudar posibles medidas. «O Vagalume Douro supón uns principios», asegura. Todos os que reuniron os demais premiados como Francesco Tonucci, Begoña Ibarrola ou Anxo Rei, entre outros moitos. Entre eses principios está, segundo Fernández, o interese por Vagalume, Valdeorras e sobre todo polos nenos e nenas da comarca. «Require un certo grao de empatía dos demais, solidariedade e incluso altruísmo», concluíu Fernández.

Finalmente, reiteraron as desculpas polos inconvenientes causados e lembraron que as persoas que desexen o reembolso da entrada ou a devolución do libro poderán facelo en Librería Praxis. «Vagalume ten un prestixio e estou convencido de que toda a xente que segue as actividades de Vagalume entende a situación que temos neste momento», finalizou.

Unha programación de calidade para unha edición especial

Entre os participantes destacados están Rosa Molina, psiquiatra e divulgadora, que repetirá experiencia o 25 de febreiro; Manu Velasco, mestre berciano que falará sobre o seu libro «Educar con las otras TIC», estas tecnoloxías son “tempo, interese e cariño”, o 11 de marzo; e Rafa Guerrero, psicólogo clínico, que o 27 de marzo abordará a importancia dun vínculo seguro nos primeiros anos de vida.

Tamén participarán Xurxo Mariño, biólogo e divulgador científico, o 9 de abril, e Iñaki Zubizarreta, exxogador de baloncesto e activista contra o acoso escolar, que ademais ofrecerá unha charla específica para o alumnado. O peche do programa correrá a cargo de Álvaro Bilbao o 8 de maio, quen xa participou hai unha década nunha edición anterior dos encontros e será o Vagalume Douro desta edición.

Cancelada a conferencia de Eloy Moreno nos Encontros Familia-Escola organizados por...