lunes. 09.06.2025

A peza teatral «Polos camiños do tempo» convírtese en libro

O próximo día 5 de outubro sairá da imprenta o libro Polos camiños do tempo, unha peza de teatro para ser interpretada na rúa, obra do técnico de cultura do Concello do Barco e escritor Gustavo Docampo. Este traballo dalle voz a personaxes históricos da vila do Barco e tamén de Viloira, e conta algunhas das historias das que foron protagonistas.

A través de sete escenas e co río como fío condutor, coma se dun personaxe máis se tratase, o autor propón unha viaxe por episodios reais ou imaxinados da historia local. Pola obra pasan as lendas e a alma popular apegada ás tradicións, as diferenzas sociais e as disputas políticas, o caciquismo, a corrupción, o agromar do capitalismo e a empresa moderna, o espírito científico, o pensamento libre, a música popular ou a literatura. Todo iso e moito máis nas voces de homes e mulleres que pasaron á historia por unha ou outra razón, circunstancia que o lector poderá axuizar se sente curiosidade e quere facelo.

O libro, de 70 páxinas, inclúe sete ilustracións de Mauro Docampo Gacio nas que sintetiza cada unha das escenas, caracteriza os personaxes e sitúaos no contexto da representación con grande expresividade e sentido do humor. Na portada do libro reprodúcese unha fotografía anónima de 1889 da ponte de San Fernando en construción, unha das historias ás que se alude no texto.

Polos camiños do tempo será o cuarto título da colección DiTeatro de Positivas, unha aposta de Edicións Positivas para a difusión dos textos teatrais, como invitación ao público para que lea o texto tras velo representado. Os días 8 e 15 de setembro de 2017 e 16 de setembro de 2018, a peza era representada polos actores e actrices de Gargallada Teatro nos lugares para os que foi creada e baixo a dirección de José Luís García Alejandre, coa produción do Concello do Barco, colaborador, xunto ca Xunta de Galicia, na edición do libro.

A peza teatral «Polos camiños do tempo» convírtese en libro