sábado. 20.04.2024

A situación sanitaria actual aconsellou a suspensión das actividades que se viñan celebrando nos anteriores anos

Este ano non se celebrarán as actividades lúdicas habituais durante as festas patronais do Cristo. A situación sanitaria actual aconsellou a suspensión de todas elas para contribuír a garantir a saúde dos veciños e visitantes.

Como alternativa, organizouse un programa cultural con motivo do Cristo, con actividades ao aire libre para os días 11, 12, 13 e 14 de setembro.



Todas as actividades terán lugar ao aire libre, e a intención do Concello é crear algo de ambiente lúdico, con música, teatro, pasarrúas e outras actividades, para a fin de semana na que debería ter lugar a festa, e tamén o luns, 14 de setembro, día grande e festivo local no Barco de Valdeorras.


A boa experiencia do ciclo de concertos ao aire libre (Terrasón 2020), onde
se logrou o obxectivo marcado de animar as zonas de ocio, con aforos
limitados e todas as garantías sanitarias, anima a posta en marcha deste
programa nestas datas.


Na realización dos actos que se celebren en puntos fixos adoptaranse as
medidas de seguridade sanitaria establecidas para este tipo de actividades. Tamén hai que recordar aos veciños a necesidade de manter as normas de protección (uso de máscara, distancia de seguridade, etc) establecidas para circular ao aire libre en Galicia.


O Concello poderá suspender parte ou toda a programación, se a situación sanitaria así o aconsellase. Esta comezará o venres 11 de setembro co teatro circo "Mais alto aínda" de Destronauts e un pasarrúas con os Festicultores Troupe na Praza Maior.



A construcción dun novo mosaico no Malecón, maxia, concertos e teatro completarán o programa nos días festivos no Barco de Valdeorras.

O Concello do Barco presenta un programa cultural para os días do Cristo