jueves. 28.03.2024

A instalación sanitaria pechou ó pouco tempo de abrir por ser un sistema moi tecnolóxico

No centro do Barco, situado no Paseo do Malecón á altura de Abdón Blanco, eríxese unha construción que adquiriu un uso distinto ó que se lle esperaba. O que en principio ía ser un baño público converteuse nun peculiar taboleiro de anuncios trala súa inutilización fai anos. “Para abrir a porta prema o botón”, rezan as instrucións. Pero ó pulsalo, a porta non reacciona. Entre os carteis que adoitan aparecer pegados nas súas paredes, a mítica pintada que reza “O Bolo rules” (O Bolo manda) ve pasar o tempo sen poderlle dar a benvida a ningún transeúnte apurado.



O inodoro construíuse hai tanto que ninguén sabe dicir con exactitude en que ano se rematou. Sábese, polo menos, que leva pechado un gran lapso de tempo. O alcalde, Alfredo García, detalla os motivos do peche: “era un sistema moi tecnolóxico, imos dicilo así, e non fomos capaces”. O rexedor explica que o avanzado mecanismo “era autolimpable”, pero non lograron que funcionase de xeito adecuado. “Pensamos algunha solución, pero ata agora non nos saíu ningunha, entón non sei se a imos ter ou non”, engade.

O certo é que a cabina agora serve tan só de panel publicitario e de lenzo para os grafiteiros da vila, relegando a quen se ve nunha emerxencia a acudir á privacidade que ofrecen os bares da contorna. A alternativa é, por suposto, optar pola solución natural de agocharse na ribeira do Sil. “A ver que fai a xente que pasea polo Malecón”, protesta un home sentado preto do aseo. E quéixase dos vándalos que este tipo de espazos públicos acostuman atraer: “parece que o estragaron, pero debería haber un urinario público”, opina.

En caso de que a situación non teña remedio, unha cidadá preguntada polo seu punto de vista propón novos usos para a instalación, reciclándoa para almacenar cousas ou incluso transformándoa en quiosco: “é boa idea para, non sei, darlle algo de uctilidade”, razoa. De momento, o sanitario segue abandonado, botando de menos algún usuario que agradeza a súa función.

O baño público que nunca funcionou