O Barco volve apoiar a Palestina nunha nova concentración
Pasaron xa cinco meses desde que se iniciou o conflito entre Israel e Palestina. Onte, na Praza do Concello do Barco de Valdeorras, tivo lugar unha reunión que tiña como principal obxectivo mostrar o apoio ao pobo palestino.
No manifesto lido no día de onte, asegurábase que «o sionismo converteu Gaza nunha zona de morte». De feito, segundo o que se expuxo, «as potencias imperialistas continúan amparando, por acción ou por omisión, abertamente ou á calada, o xenocidio perpetrado por Israel, obviando as máis de 35mil vítimas mortais, as máis de 100mil feridas, os dous millóns de desprazadas forzosas, a destrución de todos os medios de vida e os crimes de humanidade, esperando vergoñentamente que un sionismo forte favoreza os seus inconfesábeis intereses en Oriente Medio».
Ao final do manifesto xa deixaron fixada a data para a nova convocatoria que será «o 11 de marzo nas localidades que se farán públicas nos perfís sociais das organizacións convocantes».