O Mercado Medieval de Tremiñá volve na súa XVI edición con novidades
Un concurso de tortillas, petiscos de balde, actuacións ou xogos populares serán protagonistas na segunda fin de semana de xullo. Dan os detalles Saúl García, un dos organizadores do mercado, e Julio Brasa, impulsor do certame gastronómico
Esta fin de semana do 13 e 14 de xullo volve a Tremiñá o Mercado Medieval que recuperou a súa historia no pasado ano 2023. Nesta XVI edición «tentamos ampliar a oferta de xogos e de postos», detallaba Saúl García, un dos seus organizadores. Haberá máis de 50 postos de produtos tradicionais, comida e artesanía.
A programación arrinca este sábado 13 de xullo ás 18:00 horas. «Ás 19:00 haberá unha mostra de oficios tradicionais —dende Mulleres Rurais de Veigamuiños—; ás 19:30 horas un teatro percorrerá toda a feira; e ás 20:00 chegará a música coa Bandina Los Trimendos». Xa o domingo o mercado abrirá todo o día, dende as 12:00 horas.
Mercado medieval de Tremiñá, ano 2023.
A música deste domingo día 14 irá da man dos Charangateiros a partir das 12:30 horas e de Abertal ás 19:00. «Ademais, a partir das 20:30 horas teremos a actividade máis típica deste mercado: a Mostra de malla, onde nos xuntaremos novatos con antigos malladores, que levan facéndoo dende pequenos».
Mercado medieval de Tremiñá, ano 2023.
O X Torneo de Bolo, de rá e outro tipo de xogos populares «por exemplo unha especie de xusta medieval sen cabalo» centrarán a proposta lúdica do mercado, nunha edición especial. «Irá dedicada a Modesto, un veciño que faleceu hai apenas un mes e era moi importante para este Mercado Medieval. Vai por el».
Julio Brasa é veciño da praza onde adoita facerse a Feira Medieval e ideou un Concurso de Tortillas enmarcado na programación. «O ano pasado puxemos un posto con petiscos e bebidas de balde, e este ano ampliaremos a oferta cun concurso onde pode participar toda a xente que queira», explicaba.
Con cinco persoas como xurado e catro premios —150 euros para o primeiro posto; 75 para o segundo; 50 no terceiro; e 30 para o cuarto— detallaba Julio Brasa que «terá lugar o sábado día 13 ás 19:00 horas, só teñen que chegar algo antes para poder inscribirse alí mesmo».
Pode escoitar a entrevista con ambos organizadores neste enlace de audio: