O Mercado Medieval de Tremiñá volve na súa XVI edición con novidades
Esta fin de semana do 13 e 14 de xullo volve a Tremiñá o Mercado Medieval que recuperou a súa historia no pasado ano 2023. Nesta XVI edición «tentamos ampliar a oferta de xogos e de postos», detallaba Saúl García, un dos seus organizadores. Haberá máis de 50 postos de produtos tradicionais, comida e artesanía.
A programación arrinca este sábado 13 de xullo ás 18:00 horas. «Ás 19:00 haberá unha mostra de oficios tradicionais —dende Mulleres Rurais de Veigamuiños—; ás 19:30 horas un teatro percorrerá toda a feira; e ás 20:00 chegará a música coa Bandina Los Trimendos». Xa o domingo o mercado abrirá todo o día, dende as 12:00 horas.
A música deste domingo día 14 irá da man dos Charangateiros a partir das 12:30 horas e de Abertal ás 19:00. «Ademais, a partir das 20:30 horas teremos a actividade máis típica deste mercado: a Mostra de malla, onde nos xuntaremos novatos con antigos malladores, que levan facéndoo dende pequenos».
O X Torneo de Bolo, de rá e outro tipo de xogos populares «por exemplo unha especie de xusta medieval sen cabalo» centrarán a proposta lúdica do mercado, nunha edición especial. «Irá dedicada a Modesto, un veciño que faleceu hai apenas un mes e era moi importante para este Mercado Medieval. Vai por el».
Unha proposta gastronómica baseada na tortilla
Julio Brasa é veciño da praza onde adoita facerse a Feira Medieval e ideou un Concurso de Tortillas enmarcado na programación. «O ano pasado puxemos un posto con petiscos e bebidas de balde, e este ano ampliaremos a oferta cun concurso onde pode participar toda a xente que queira», explicaba.
Con cinco persoas como xurado e catro premios —150 euros para o primeiro posto; 75 para o segundo; 50 no terceiro; e 30 para o cuarto— detallaba Julio Brasa que «terá lugar o sábado día 13 ás 19:00 horas, só teñen que chegar algo antes para poder inscribirse alí mesmo».
Pode escoitar a entrevista con ambos organizadores neste enlace de audio: