jueves. 21.05.2026

Medio século de ensino e vida: o Lauro Olmo celebra 50 anos sendo moito máis ca un instituto

O centro de ensino do Barco conmemorou o seu medio século de vida coa descuberta dunha placa, a plantación dunha oliveira e un acto no que se puxo en valor o seu papel como referente formativo, social e humano en Valdeorras

Hai aniversarios que se celebran. E hai outros que se senten. O do Instituto Lauro Olmo pertence claramente aos segundos. O centro educativo do Barco cumpriu 50 anos cun acto no que non houbo artificios innecesarios, pero si algo máis importante: palabras con peso, recordos e a certeza de que o Lauro Olmo é, dende hai tempo, moito máis ca un lugar onde se imparten clases.

O simbolismo e o recoñecemento a todas as persoas que, ao longo destas cinco décadas, foron construíndo a identidade dun centro que hoxe é moito máis ca un espazo de ensino. A xornada serviu para lembrar o pasado, reivindicar o presente e proxectar cara ao futuro ese «espírito do Lauro» do que falaron algúns dos participantes e que resume unha forma de entender a educación desde o compromiso e a proximidade.

Unha placa, unha oliveira… e toda unha historia detrás

A xornada comezou cun xesto sinxelo pero cargado de significado: a descuberta dunha placa conmemorativa na entrada do centro. Xunto á actual directora, Amparo Quiroga, estiveron a primeira directora, Amparo Folla; o alcalde do Barco, Aurentino Alonso; e o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, ambos foron profesores do centro educativo.

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario232
Eladio Santos, Amparo quiroga, Amparo Folla e Aurentino Alonso

Non era unha foto calquera. Era, en certo modo, unha liña do tempo feita persoas. Pouco despois, a celebración continuou coa plantación dunha oliveira. Arredor dela, xeracións enteiras: profesorado de antes e de agora, alumnado, exalumnos… Unha imaxe que resumía mellor ca calquera discurso o que é o Lauro Olmo, raíces fondas e mirada longa.

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario243
A actual directora, Amparo Quiroga, botando unha palada de terra á oliveira

A primeira promoción do lauro Olmo

A presenza da primeira xeración de alumnos do Lauro Olmo, aqueles que comezaron nuns barracóns de obra —no lugar onde hoxe se atopa o edificio de Facenda, do que aínda quedan dúas daquelas casetas—, foi un dos momentos máis simbólicos do acto. Corría o ano 1975 e eles formaron a primeira promoción, e, como eles mesmos aseguran, «estreamos isto».

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario236
Os primeiros alumnos do Lauro Olmo, Agustín(no centro da imaxe) chegou a ser profesor no instituto

«O primeiro ano foi practicamente teórico; como non se esixía a EGB, entrou moita xente. Eramos arredor de douscentos e ao final rematamos trece», lembran. Recordos que sostén a memoria desde hai cincuenta anos e que neste reencontro foron compartidos.

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario235
Carlos, Bautista, Carlos, Agustín, José Antonio, Manuel e Bienve, contaronos as súas historias.

Aquela primeira andadura foi na rama da automoción, estruturada en cinco cursos: tres de primeiro grao e dous de segundo. Entre aqueles pioneiros estaba tamén Agustín Mayo —“O Mayo”—, quen máis tarde sería profesor do Lauro Olmo durante 36 anos e que hoxe xa está xubilado.

Aurentino: “Onde hai educación, hai futuro”

O primeiro gran momento da mañá chegou coa intervención do alcalde, Aurentino Alonso. Falaba como rexedor, pero sobre todo como quen pasou 35 anos dando clase nesas aulas, tamén foi director. E iso notouse.

Lonxe dun discurso institucional ao uso, o seu foi un percorrido pola vida do centro e, sobre todo, polas persoas que o fixeron medrar. «Un centro que non só formou xeracións de estudantes, senón que foi parte esencial da historia e do crecemento do Barco e da comarca», afirmou.

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario259

Houbo datos —o paso de pouco máis de 30 profesores a máis de 70—, pero sobre todo houbo ideas. Unha, especialmente clara, o importante non son os edificios. «Se algo foi sempre o seu verdadeiro capital non foron os recursos materiais, senón as persoas», dixo.

Aurentino puxo nome a esa comunidade: profesorado comprometido, persoal entregado, alumnado que leva consigo algo máis ca coñecementos. E resumiu nunha frase o que, en realidade, atravesou todo o acto: «Educar é acompañar, é orientar, é esixir, é comprender e é crer no futuro».

O momento máis fondo chegou ao falar do impacto do instituto máis alá das aulas: «O Lauro Olmo non é unicamente un lugar de estudo, é un motor social, cultural e económico».

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario252
Fotografias de todos os tempos decoraban o longo pasillo da entrada ao salón de actos

E, como non podía ser doutro xeito, tamén houbo espazo para a memoria: nomes propios, compañeiros que xa non están e aos que, lembrou, tamén pertence este aniversario.

O que queda non sempre é o que se estuda

Se Aurentino puxo o acento na dimensión colectiva, Eladio Santos levou o foco ao persoal. O subdelegado do Goberno, tamén exprofesor do centro, arrincou sorrisos cunha reflexión tan sincera como recoñecible: os exalumnos raramente lembran os contidos das clases. Lembran outra cousa. Excursións, anécdotas, momentos compartidos...

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario262

Durante anos, confesou, preguntouse onde quedaba a pegada do seu traballo como docente. Co tempo entendeu que estaba precisamente aí: no emocional, no vivido, no humano. Unha idea que encaixou como unha peza máis nun relato común.

Abrir camiño cando non o había

A intervención de Amparo Folla trouxo ao presente os anos iniciais. Primeira directora do centro e tamén a primeira muller en dirixir un instituto na comarca, falou dun tempo no que todo estaba por facer. E fixérono.

«Teníamos muy claro que tipo de centro queríamos», explicou. Un centro esixente, innovador e profundamente humano. Un centro pensado para responder ás necesidades do alumnado, das familias e tamén do entorno.

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario261
O salón repleto escoitaba ben atento cada unha das intervencións

A súa mirada non foi nostálxica, senón consciente do camiño percorrido. Daquel proxecto que comezou en 1975 con ilusión e que hoxe é un referente consolidado.

Unha cadea que non se rompe

O acto foi tamén unha suma de voces. A subdirectora, antiga alumna, falou dese vínculo que non se perde co tempo.Ana Raquel Prieto representou aos ex- alumnos, destacando o profundo sentimento de pertenza ao Lauro Olmo e a pegada persoal e profesional que deixa en quen pasa polas súas aulas. «Para mi é un orgullo e un prazer imenso poder formar parte desta gran familia», rematou a súa intervencióna

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario265

Cristina, estudante de primeiro da ESO, ofreceu a mirada de quen acaba de comezar o seu camiño no instituto. Fíxoo cunha reflexión sinxela pero moi significativa, destacando que o centro non é un lugar no que simplemente se medra académicamente, senón un espazo no que o alumnado se sente acompañado e gaña seguridade para avanzar.

Adelina Lolo, xefa do departamento de literatura española e profesora desta materia, repasou as orixes do centro e destacou que a súa historia non é só unha sucesión de datos, senon a suma de vivenzas, esforzo colectivo e recordos que dan sentido ao paso de xeracións polas súas aulas. 

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario268
Avelina Lolo no seu descurso

Pablo e Lara, en bacharelato, pecharon o círculo desde o outro extremo: o de quen está a piques de marchar. A súa intervención puxo o acento no vivido, nas amizades, nas oportunidades e nas experiencias compartidas nun lugar ao que chegaron sendo os pequenos e do que sairán en poucos meses como adultos novos, despois de anos especialmente marcados, no seu caso, pola entrada no instituto en tempos de pandemia. «O Lauro non se limita a ensinar. Acompaña». 

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario269
Pablo e Lara representantes do alumnado de bacheralato

Juan José Albares, responsable do deseño do logo deste o 50 aniversario recibiu un premio de mans da directora e do alcalde do Barco. Lembrou o paso polo centro como profesor en prácticas e aseguro sentirse «ligado perpetuamente a este centro»  e asegurou estar moi orgulloso participar activamente no aniversario.

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario266
Quiroga, Albares e Alonso quen fai entrega do premio

O discurso que fixo calar a sala

E despois chegou un deses momentos que non se planifican. A intervención da profesora Chus Rodríguez, en representación do profesorado, converteuse nunha viaxe ao pasado polo centro, polas súas xentes, polos seus recunchos e polas historias que se gardan entre esas paredes.

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario271
Chus Rodríguez, falou da súa experiencia na que se reflictían dun xeito ou de outro case todo oprofesorado

Falou do día a día, do invisible, do que sostén un instituto máis alá do horario lectivo. E fíxoo desde unha mirada propia, sen artificios. A resposta foi clara: asentimentos, silencio… e emoción.

O seu discurso, moi persoal e moi sentido, converteuse nun percorrido polo centro e pola súa comunidade educativa, pola súa singularidade como espazo no que conviven ensinanzas, etapas e perfís diversos, e por unha forma de traballar que identificou claramente co chamado “espírito do Lauro”. As súas palabras, que moitos dos presentes seguiron asentindo coa cabeza, acabaron provocando emoción visible entre o público.

O final: o nome, a historia e o espírito

A clausura correu a cargo da actual directora, Amparo Quiroga, que foi quen de artellar un discurso moi completo, con referencias á historia do centro, ao seu nome, ás persoas que o fixeron posible e ao seu papel presente na formación de xeracións enteiras de valdeorreses.

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario272
Amparo quiroga puso o peche á celebración

Quiroga comezou precisamente polo nome do instituto e polo significado que tivo a elección de Lauro Olmo como referente. Lembrou como, tras un proceso participativo, o centro deixou atrás a denominación fría de IFP número 1 para adquirir unha identidade propia, ligada a unha figura que representa tamén unha mirada crítica e comprometida sobre a realidade.

A directora foi debullando despois datos e fitos, desde as orixes do centro ata a súa evolución actual, e puxo nome a persoas que representan esa continuidade xeracional. Entre elas, José Antonio, ao que definiu case como un símbolo do Lauro Olmo por ter sido alumno da primeira promoción, profesor do centro e tamén pai de alumno. «Un ciclo completo, o ciclo da vida», veu dicir ao referirse a el.

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario264

Pero se houbo un tramo especialmente relevante na súa intervención foi o final, cando recuperou unha idea xa mencionada durante a xornada e lle deu toda a súa dimensión: o “espírito do Lauro”. Fíxoo lembrando unha expresión de Xaquín no seu discurso de xubilación, e definíndoo como esa maneira de traballar en liberdade, de compartir, de relacionarse e de colaborar entre profesorado, alumnado, familias e persoal non docente.

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario255
Xoaquín un dos profes mirando as fotografias nas que en moitas delas está como profesor

«É o que nos fai especiais», veu resumir. E aí concentrou o verdadeiro valor do aniversario: non só en cumprir cincuenta anos, senón en manter viva unha identidade propia, baseada na convivencia, no esforzo compartido e nunha educación que vai máis alá das materias para formar persoas críticas, sensibles e capaces de construír futuro.

Amparo Quiroga pechou cunha mensaxe que soou a balance e tamén a compromiso. Celebrar o pasado, agradecendo o presente e mirando ao futuro «con moita ilusión», porque, segundo dixo, se algo ensinan estes cincuenta anos é que «a educación non é só un camiño, senón unha porta de infinitas posibilidades».

somoscomarca_obarco_ ieslauroolmo_aniversario244

A oliveira plantada minutos antes quedaba así convertida nun símbolo perfecto. Unha árbore fondamente enraizada na terra, pero chamada a seguir medrando. Como o propio Lauro Olmo.

Unha maneira de traballar. De convivir. De coidar. «É o que nos fai especiais», resumiu. E aí quedou a clave de todo.

Un aniversario que non rematou aquí

O acto pechouse cunha comida de confraternización. Sen discursos, sen micrófonos. Só reencontros. Cincuenta anos despois, o Lauro Olmo non parece un centro que mira ao pasado. Máis ben ao contrario: é un lugar que segue en movemento, sostido polas persoas que o habitan.

A oliveira plantada pola mañá segue aí. Pequena aínda. Pero chamada a medrar. Como todo o que ten raíces de verdade.

Neste audio poderás escoitar todos o que se dixo no salón de actos:

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

Medio século de ensino e vida: o Lauro Olmo celebra 50 anos sendo moito máis ca un...