
Iribarne colgou o cartel de completo no TLO do Barco
A obra de Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira fixo rir e tamén reflexionar sobre unha época vivida en España

Coproducida polo Centro Dramático Nacional, ButacaZero e Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, Iribarne chegou este venres 23 de febreiro ao Teatro Lauro Olmo do Barco onde colgou o cartel de completo.
Desde o franquismo ata a democracia, a obra de Esther F. Carrodeguas radiografía en clave de humor a figura de Manuel Fraga Iribarne —presente na sala a través dos tirantes que o caracterizaban— e o seu papel na historia de España.
Baixo a dirección de Xabier Castiñeira, Iribarne propón un trepidante xogo escénico a cargo dos seis intérpretes: Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Mónica García, Anxo Outumuro, Lidia Veiga e a autora do texto.
«Iribarne é unha investigación escénica sobre unha desas figuras absolutamente imprescindibles do noso pasado recente. Un intento—irreverente— por comprender como chegamos até aquí da man dun político que, nas súas propias palabras, dicía as verdades sen condón», podíase ler na páxina do TLO.
A obra que durou tres horas, cun descanso, ten tres episodios que reflicten a evolución política do pais, desde o Franquismo, a Transición e a Democraciapara rematar co periodo no que Fraga gobernou Galicia.
É unha peza divertida que vai desde o nacemento de Fraga até a súa morte e na que non faltan os acontecementos como o baño en Palomares ou a ida de Masiel a Eurovisión. Os asesinatos de ETA ou a morte de Franco.
Está escrita por Esther F. Carrodeguas, autora pertencente á primeira promoción de Residentes do #Dramático -durante a tempada 2020/21-, que cultivou un subliñable éxito con Supernormales -estreada no CDN en 2022 e aínda de xira pola xeografía española- e dirixida por Xavier Castiñeira, co fundador xunto a Carrodeguas da compañía ButacaZero.
É o sétimo proxecto no que ambos forman tándem creativo, e segue o ronsel das súas anteriores propostas escénicas, fundamentadas na investigación e a reflexión para dialogar co presente desde unha mirada crítica e irónica.