miércoles. 28.05.2025

O IES Lauro Olmo celebra esta semana dúas citas culturais e educativas en O Barco

O xoves 29 celebran na Praza do Concello a II Feira da Formación Profesional, con demostracións prácticas e stands informativos. E o venres 30, o alumnado percorrerá O Barco nun roteiro literario cheo de probas, retos ao público e unha festa final con música e lecturas na praia fluvial

somoscomarca_obarco_ieslauroolmo_ (1)
somoscomarca_obarco_ieslauroolmo_ (1)

O IES Lauro Olmo do Barco quere compartir co resto da vila o que se vive cada día dentro das súas aulas. Esta semana, faino por partida dobre: cunha feira que convida a descubrir a Formación Profesional e cun roteiro literario que transforma O Barco nun gran xogo de pistas cheo de letras.

somoscomarca_20250527_xornadas_ieslauroolmo370

A primeira cita será o xoves 29 de maio, entre as 11.00 e as 13.00 horas, na Praza do Concello, onde se celebrará a II Feira da FP. Alí, profesorado e alumnado daranse cita para explicar, mostrar e mesmo demostrar en directo algunhas das habilidades que se aprenden nos ciclos formativos do centro. Quen se achegue poderá ver ferramentas, materiais e experimentos en vivo. A idea é clara: abrir as portas da formación ao público e amosar que a FP é unha opción de futuro, práctica e con moito potencial.

Ao día seguinte, o venres 30 de maio, chega unha das actividades máis queridas do centro: o roteiro literario “Atención! Xente Lendo!”, que cumpre xa dez edicións. Este ano, o alumnado da ESO percorrerá diferentes puntos do concello superando probas literarias, mentres o de 1.º de Bacharelato asumirá o papel de guía e xuíz. Pero non estarán sós: nesta xincana tamén participa a xente da rúa, que poderá ser retada polos estudantes e, de paso, levar un pequeno agasallo conmemorativo.

somoscomarca_20250527_xornadas_ieslauroolmo369

A xornada rematará cunha festa na Praia Fluvial, na zona do Silfest, con lecturas para celebrar as Letras Galegas e actuacións musicais protagonizadas polo propio alumnado e profesorado. Un final festivo para unha semana onde o saber, a creatividade e a comunidade van da man.

O IES Lauro Olmo celebra esta semana dúas citas culturais e educativas en O Barco