martes. 28.11.2023

O IES Lauro Olmo do Barco acollerá un curso de servizos auxiliares de peiteado para desempregados entre o vindeiro 11 de abril e o 28 de xuño. É unha formación de balde e está coordinada pola Consellería de Educación e de Traballo.

Este curso está orientado a persoas en situación de desemprego sen límite de idade e sen ningún requisito de título académico. Así mesmo, segundo explica a directora do centro, Amparo Quiroga, o obxectivo da formación é que «os alumnos se formen en distintos aspectos, que usen os coñecementos para uso individual, e sobre todo, para ter máis oportunidades a nivel de inserción laboral».

En horario de tarde e cun título convalidado ao rematar

Terá lugar nas aulas do IES Lauro Olmo en horario de tarde, e os profesores do ciclo formativo de peiteado serán os encargados de impartir a formación. Ao rematar, «os alumnos e alumnas recibirán un título que se convalida por módulos do ciclo de peiteado», afirma a directora.

Para que se poida realizar o curso, ten que haber un número mínimo de 15 ou 20 alumnos. Porén, «en caso de que non se consiga chegar a ese número, a formación terá que cancelarse», lamenta Quiroga.

Inscrición no IES Lauro Olmo ou na Oficina de Emprego do Barco

Así, as inscricións poderán facerse durante as vindeiras dúas semanas no IES Lauro Olmo ou ben na Oficina de Emprego do Barco. A única documentación que se deberá presentar é o DNI, sempre e cando a persoa estea rexistrada no SEPE como desempregada.

O IES Lauro Olmo acollerá un curso de peiteado para desempregados