
"Fiando a Memoria" abre o seu prazo de inscrición
Nesta nova edición poderase acudir a Veigamuiños, Éntoma, O Barco e Viloira

Desde este luns, 7 de outubro, está aberto o prazo para a inscrición nunha nova edición dos Obradoiros de Estimulación Cognitiva “Fiando a Memoria”, unha iniciativa da Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Concello do Barco, dirixida a persoas adultas que queiran manterse activas e exercitar as súas funcións cognitivas.
A inscrición é totalmente gratuíta, xa que se trata dun proxecto financiado polo Concello do Barco, e pode realizarse a través do 988 68 48 85 ou de maneira presencial no Departamento de Servizos Sociais, situado na Casa Consistorial (Concello Vello).
Algunhas das actividades que se levan a cabo son exercicios de memoria para mellorar a codificación, almacenaxe e recuperación da información. Tamén se desenvolven técnicas de expresión artística, exercicios de diferente tipo, e técnicas participativas para recuperar a memoria individual e colectiva, así como exercicios de expresión oral e escrita, e dinámicas corporais e de xogo.
Estes obradoiros son tamén un espazo de encontro e desfrute onde se recuperan saberes comunitarios e patrimoniais da contorna. Na derradeira edición deste obradoiro, o curso pasado, participaron 49 persoas, a maioría delas mulleres. Estes obradoiros comezan o luns 14 de outubro en Veigamuíños e Éntoma, e o mércores 16 de outubro no Barco e en Viloira. O curso rematará a finais de xuño de 2025.
Os obradoiros realizaranse unha vez á semana. No caso de Veigamuiños será os luns de 16:00 a 17:30 no local municipal de Asociación de Veciños. Éntoma tamén recibirá este curso os luns de 18:00 a 19:30 na antiga escola municipal. Os mércores será a quedan do Barco —de 11:00 a 12:30 na 4º planta da biblioteca— e de Viloira —15:30 a 17:00 no local municipal da Asociación de Veciños—.