
‘Facendo boca’ á chegada do Entroido no Barco

O Entroido está á volta da esquina. Iso sábeno ben os establecementos hosteleiros do Barco que xa están quentando fogóns porque a partires do vindeiro xoves de comadres, día 8 de febreiro, ofertarán menús especiais con motivo da XIX Edición das Xornadas Gastronómicas do Entroido, que organizan en colaboración, o Concello do Barco, AEVA e o Centro Comercial Aberto.
Será ata o martes de Entroido, día 13 de febreiro, cando os comensáis poderán facer boca á chegada da festa dos disfraces, disfrutando de pratos preparados con agarimo e esmero no Pazo do Castro, Casa Galaica, Mesón Asador Vila do Castro, Casa Ignacio, Il Placere Gastro-Bar, Restaurante Fernando III, San Mauro, Restaurante La Gran Tortuga, Restaurante Tomás e Casa Lameiro, e Piquiño Restaurante.
E así chegarán os festexos, primeiro o luns día 12 coa Festa Infantil na que haberá bailes a ritmo de karaoke, no pavillón vello a partires das 17:00 horas. Ao día seguinte, martes día 13, chegará o Desfile de Comparsas nun percorrido que comezará a partires das 17:30 horas na Avenida Conde de Fenosa, á altura do Hospital Comarcal, e concluirá na Praza Maior, onde a orquestra Boa Festa estará agardando. Neste último lugar, e tamén polas rúas do Casco Vello, celebrarase ao día seguinte, mércores día 14, o Enterro da Sardiña coa queima do Meco.
Para todos aqueles interesados en participar no Desfile, o Concello establece un mínimo de 10 persoas por comparsa que deberán formalizar a inscripción ata as 14:00 horas do día 9 de febreiro, achegándose ao Concello ou a través da web. Haberá premios pola participación ata un total de 5.000 euros, distribuidos segundo o número de persoas integrantes de cada grupo.