Eladio Santos valora a situación da zona industrial de Valdeorras
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reuniuse esta mañá con Araceli Fernández e Teresa García, presidenta e xerente, respectivamente, da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA); así como con Javier Adolfo González e Myriam Otero, presidente e secretaria xeral da empresa Apetamcor, para tratar en conxunto cuestións de seguridade en relación á zona industrial valdeorresa.
Os asistentes achegáronlle ao subdelegado a necesidade da creación de aparcamentos seguros e de maior vixilancia na zona, debido aos continuos furtos de material e ferramentas que están a sufrir en vehículos e instalacións das zonas industriais valdeorresas. Ademais, tamén lle propuxeron a creación de áreas de descanso nas rutas habituais de circulación de camións a nivel nacional.
Pola súa banda, Eladio Santos fixo referencia aos datos achegados pola Comandancia da Garda Civil, «que amosan pequenos roubos de gasóleo e ferramentas nas zonas dos polígonos industriais e canteiras de Valdeorras. Reflicten unha cantidade a ter en conta, pero que non é significativa comparada cos delitos contra o patrimonio», explicou, co fin de transmitir tranquilidade ao sector.
No tocante a posibles solucións, valorouse a posibilidade de instalar cámaras de seguridade nas zonas de aparcamento de camións na comarca de Valdeorras, así como noutras zonas da provincia. «Isto causará un efecto disuasorio nos delincuentes e axudará á Garda Civil na captura dos mesmos», explicou o subdelegado.