
A Asociación ASILIVAL convocaba este xoves, 26 de xuño, unha concentración diante do Hospital Público de Valdeorras para reclamar unha atención sanitaria digna para os afectados pola silicose e, en particular, a implantación dunha consulta diaria de pneumoloxía. Ao acto asistiron sobre cen persoas, entre elas o alcalde do Barco, Alfredo García; a concelleira, Margarida Piscueta; así como o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez e a tenente de alcalde dese concello, Sherezade Núñez.
Durante a concentración, o presidente de ASILIVAL, José Rodríguez, fixo declaracións moi críticas sobre o hospital e o seu funcionamento. Asegurou que, pese a que a protesta levaba días convocada, «a xerencia do Sergas pediu unha reunión de última hora o día anterior». Nesa reunión, segundo relatou, o director asistencial Luis Sánchez restoulle importancia ás súas demandas, chegando a comparalas cun capricho infantil. «Díxonos textualmente que estabamos a pedir un xoguete e que, se nolo daban, acabaríamos estragándoo», denunciou Rodríguez. «Estamos a falar dun médico, non dun xoguete», engadiu indignado.

Rodríguez sinalou que, tras ese comentario, os representantes da asociación decidiron levantarse da mesa: «Non se pode tolerar ese tipo de trato. A saúde da nosa xente non é un xogo. Se non queren entendelo, seguiremos na loita. Conseguiremos o que pedimos, custe o que custe».
O presidente de ASILIVAL tamén criticou duramente o funcionamento do protocolo de atención para os afectados pola silicose, que cualificou de ineficaz: «Non leva a ninguén. Segundo eles mesmos, para que arrinque farán falta catro ou cinco anos». Rodríguez lembrou que Valdeorras presenta unha alta incidencia da enfermidade e que «é imprescindible realizar un estudo de prevalencia por centros de saúde para coñecer a dimensión real do problema».
Asegurou que estableceron contacto co Clúster da Lousa, que se comprometeu a facilitar un pneumólogo desde Madrid para elaborar un estudo propio: «Prometeron que se reunirán con nós e que ese profesional fará un estudo que presentarán publicamente».
A situación do hospital tamén foi obxecto de crítica, facendo referencia á falta de persoal: «Non temos radiólogo. O único que había está de vacacións e non son capaces de enviar a ninguén para cubrir a praza». Segundo Rodríguez, dos 18 radiólogos con destino en Ourense, «non se puido desprazar nin un para cubrir quince días».
A concentración escorificou a indignación entre os afectados e os seus familiares. Rodríguez asegurou que a mobilización non vai parar aquí: «Se fai falta, cargamos un autobús e imos ao Parlamento ou a Santiago. Como fixeron os de saúde mental, colapsaremos as entradas e faremos oír a nosa voz».
A Asociación ASILIVAL reclama, como mínimo, o establecemento dunha consulta diaria de pneumoloxía no hospital comarcal como primeiro paso para a creación dun servizo permanente e adaptado á realidade sanitaria da comarca.