Colombia, Taiwán e Serbia encheron O Barco do seu folclore

Na primeira parada das Xornadas folclóricas na comarca encheron o campo da festa. O presidente provincial, Luis Menor, recibiu aos artistas na Deputación de Ourense

O campo da festa do Barco, no paseo do Malecón, acolleu onte martes 13 de agosto a primera parada das Xornadas de Folclore na comarca. Foi cos grupos folclóricos de Colombia, Taiwán e Serbia, cuxos artistas engalanaron a vila de cores, música e baile. 

Horas despois desta actuación, os integrantes de todas as agrupacións —dos seis países que participan— foron recibidos na Deputación de Ourense por parte do presidente, Luis Menor. O mandatario enxalzou as Xornadas como «todo un símbolo da programación cultural da provincia», destacando que as súas 39 edicións contaron con 400 grupos e 15.000 artistas. 

A noite comezou co grupo de Colombia, a Fundación Ballet Folclórica de Nobsa, que foi fundada en 2014 co obxectivo de motivar a nenos, mozos e adultos de 5 a 60 anos. Os seus bailes recrean o impacto da historia colombiana en escenarios rexionais e tentan reflectir o papel da danza no país, definida por diferentes culturas. Todas deixaron un importante legado, expresando a través dos bailes as súas crenzas, vivencias e pervivencias de feitos antigos que marcan as súas raíces, independentemente da clase social e racial —mestizos, negros, mulatos—.

Co grupo de Colombia, a Fundación Ballet Folclórica de Nobsa, comezaron as Xornadas no oriente Ourensá

O grupo de Taiwán, Yuan Yuan Dance Group, procedente da zona centro da illa, nace en 1995 co propósito de dar a coñecer a cultura taiwanesa por todo o mundo. Nas súas actuacións representan as festas máis típicas do seu pobo: danzas do dragón, danzas relixiosas, danzas de ano novo ou de agradecemento á natureza polas colleitas. Todo o patrimonio está vinculado á cultura tradicional da China continental, pero non esquecen as danzas aborixes da illa, máis concretamente do pobo Hakka, etnia natural da illa e que mantén a súa cultura tradicional viva.

O grupo de Taiwán, Yuan Yuan Dance Group, procedente da zona centro da illa

Kud Srem, o grupo serbio, foi fundado por un grupo de mozos en 1948, como “Grupo Educacional Cultural, Estrela Vermella”. A principios dos 60, gañou o nome que hoxe ten, liderado por Slavka Jezdimirovic-Zelenika. Nos últimos anos, Branko Puric, un dos maiores expertos en coreografía e estilo, partiu de cero e formou un grupo de alto nivel, levando a Srem á cima da sociedade folclórica de Belgrado e Serbia. Nos seus 75 anos de existencia formáronse 7.500 mozos no campo do folclore, actuando en máis de 20 países e en máis de 75 festivais internacionais de folclore.

As integrantes do grupo serbio preparándose para sair ao escenario no Barco

As seguintes paradas desta actividade serán: en Viana do Bolo mañá xoves 15; na Rúa o venres día 16; o sábado 17 será a quenda de Trives; e o luns 19 de Manzaneda. En todas as citas o horario será o mesmo: ás 22:30 horas.

Esta cita co folclore de diversas partes do mundo está organizada pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos que acollen este evento.

Directos nas Xornadas Folclóricas do Barco

Presentación das Xornadas de Folclore no Concello do Barco de Valdeorras / Ayuntamiento de O Barco de Valdeorras, pola locutora radiofónica, Montse Estévez e primeira actuación do grupo de Colombia, Fundación Ballet Folclórica de Nobsa, cunha danza campesina, «La Carranga»

O grupo de Taiwán, Yuan Yuan Dance Group, actuando no campo da festa do Concello do Barco:

Kud Srem, o grupo serbio, fundado por un grupo de mozos en 1948, como “Grupo Educacional Cultural, Estrela Vermella”, actuando por primeira vez nas Xornadas de Folclore, no Barco,