Centos de persoas emocionáronse co pregoeiro das Festas do Cristo
José Prada Muradás foi o pregoeiro encargado de "dar o pistoletazo de saída" ás Festas do Cristo deste ano no Barco. Nun acto que congregou a centos de persoas, amizades, coñecidos e familia, houbo tempo para lembrar a súa nenez e adolescencia, «que sempre estivo no Barco».
Espazo destacado tamén para a gastronomía de Valdeorras, da que Muradás é «un completo enamorado. Son un larpeiro». Neste senso —tanto el como o seu amigo José Ángel Rodríguez— fíxose fincapé no botelo e nas filloas de sangue. «Cando vin unhas amarelas non sabía nin o que era», contaba o pregoeiro.
Baixo estas liñas pode ver a intervención de José Ángel Rodríguez:
O momento de máis emoción, traducida nas bágoas que brotaron dos seus ollos, chegou cando recordou a época na que coñeceu á súa muller e cando crearon a súa familia. «É o máis importante que temos, e sempre quixen ensinarlles a todos a miña terra. Valdeorras».
Cun pregón que comezaba co protagonista respondendo á mítica pregunta galega "Ti de quen vés sendo?", arrincaban oficialmente as Festas do Cristo. Como é habitual, o alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, fixeron entrega ao pregoeiro dunhas flores e dunha obra tallada polo artista Cochorro.
No seguinte vídeo, o pregón de José Prada Muradás:
Finalmente, José Prada Muradás foi o encargado de prender fogo ao tradicional chupinazo.