jueves. 30.03.2023

O CEIP Otero Pedrayo estrea a súa aula de Polos Creativos

É o único centro de Primaria de Valdeorras que conta con proxeco, cuxo obxectivo é fomentar a creatividade a través de actividades relacionadas coa intelixencia artificial, audiovisual ou o mecanizado de diferentes materiais

somoscomRCa_polocreativpsç-oteropedrayo_--
O CEIP Otero Pedrayo estrea a súa aula de Polos Creativos

O CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira vén de estrear a súa aula de Polos Creativos. Esta iniciativa consiste en “fomentar a creatividade dentro do alumnado de infantil, primaria e secundaria”, explica Eva María Corredoira, coordinadora da aula. No espazo poden levarse a cabo diversas actividades entre as que se atopan as relacionadas coa intelixencia artificial, a realidade virtual ou o mecanizado de diferentes materiais, entre outras.

Este programa está destinado tanto ao alumnado, como ao profesorado, como ás familias, xa que, segundo explica a Xunta o obxectivo é que “fomenten especialmente aquelas accións que impliquen a participación de nais e pais xunto cos seus fillos e fillas en actividades tanto de formación como de creación”.

Dende o Otero Pedrayo queren fomentar a “aprendizaxe práctica” cun obxectivo totalmente contrario ao de “traballar sempre cun pupitre e un libro diante”. Ademais, a coordinadora resalta a importancia da participación dos nenos e nenas:  “A idea non é tanto que haxa un experto que faga o traballo, senón que os alumnos se volvan expertos en cada unha das partes da aula”.

Unha aula multifunción con diferentes partes

Segundo explica Eva María Corredoira, “é unha aula multifunción que consta de diferentes partes, cada unha co seu material”. Así, algunhas delas son a de circuítos eléctricos, a de robótica, e a de impresión 3D.

Na parte audiovisual, contan cun espazo co material necesario para radio. “Temos a idea de facer un podcast”, afirma a coordinadora. Tamén hai unha zona de presentación que “sirve de utilidade para cando hai unha conferencia ou cando os rapaces presenten algún proxecto”. Ademais, tamén contan coa zona de chroma, conectada directamente coas cámaras de fotos e vídeo, e o espazo de posprodución.

Por último, as zonas que complementan esta aula son a de costura, “que está pensada para ocasións como o festival de Nadal”; e a de construción, composta por material relacionado coa robótica.

A Xunta lanzou este proxecto o pasado ano para 220 centros, e actualmente, o Otero Pedrayo de Viloira é o único centro de Primaria que conta coa aula de Polos Creativos en Valdeorras. A súa coordinadora, Eva María Corredoira, expón que terán que “formar ao resto do profesorado e de aí ao alumnado”.

O CEIP Otero Pedrayo estrea a súa aula de Polos Creativos