O BNG propón reforzar a presenza do galego e reclama melloras no ferrocarril

O BNG propón reforzar a presenza do galego e reclama melloras no ferrocarri
O grupo municipal nacionalista presentará no próximo pleno do Concello do Barco dúas mocións que buscan dar resposta a estes retos, instando tanto á administración autonómica como ao Goberno central a actuar con urxencia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentará no próximo pleno do Concello do Barco de Valdeorras dúas mocións centradas en cuestións clave para a comarca. A primeira delas busca adoptar medidas para frear a perda de falantes en galego e garantir a súa presenza institucional, mentres que a segunda reclama melloras na liña ferroviaria Monforte-Ponferrada.

A primeira das propostas pon o foco na situación do galego, que o BNG cualifica de «emerxencia lingüística». Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística revelan que un 32,4 % dos nenos de entre 5 e 14 anos xa non son quen de falar a lingua propia de Galicia, un síntoma claro da perda de transmisión xeracional. O grupo municipal atribúe este declive ás políticas «discriminatorias» aplicadas pola Xunta nos últimos quince anos, nas que se reduciu a presenza do galego no ensino, elimináronse requisitos lingüísticos no acceso ao funcionariado e diminuíu a oferta audiovisual en lingua propia.

Ante esta situación, a moción insta ao Concello a reafirmar o seu compromiso coa normalización do galego, garantindo que os veciños poidan usalo sen discriminacións. Ademais, solicita que se revise a política lingüística municipal para adaptala ao marco legal vixente e reforzar o seu uso nas comunicacións institucionais. Outra das medidas propostas é a adhesión do Concello á plataforma Queremos Galego, entidade que traballa pola defensa da lingua, así como o apoio ás súas iniciativas. Por último, a moción propón trasladar este acordo ao Parlamento de Galicia e á Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, instando á Xunta a modificar as súas políticas lingüísticas.

Melloras no tramo Monforte-Ponferrada

A segunda moción presentada polo BNG céntrase na situación do transporte ferroviario en Valdeorras. A recente renovación da liña Monforte-Ourense, que contou cun investimento de 550 millóns de euros, mellorou as infraestruturas pero deixou fóra a comarca, o que, segundo o grupo nacionalista, perpetúa o illamento da zona e impide que o tren sexa unha alternativa real ao coche. O texto presentado sinala que, para converter o ferrocarril nun medio competitivo, é imprescindible modernizar o tramo Monforte-Ponferrada, reducindo os tempos de viaxe e aumentando a frecuencia de trens.

A moción solicita que o Concello inste a Adif e ao Ministerio de Transportes a licitar as obras de mellora neste tramo e a aproveitar os fondos europeos dispoñibles para infraestruturas ferroviarias. O BNG subliña que estas actuacións non só beneficiarían aos habitantes de Valdeorras, senón que reforzarían a conexión ferroviaria do interior de Galicia co resto do Estado.

Coa presentación destas dúas iniciativas, o BNG, asegura, pretende situar no debate municipal dous asuntos que considera prioritarios para o futuro da comarca. A decisión final quedará agora en mans do pleno do Concello do Barco.