martes. 23.09.2025

O Barco de Valdeorras súmase ao proxecto CARES para formar en actividades produtivas no monte durante todo o ano

Aurentino Alonso, entre os catro alcaldes que xa coñecen o proxecto, comprométese a ofrecer formación no municipio a persoas desempregadas

somoscomarca_cares_eladiosantos_aurentinoalonso
somoscomarca_cares_eladiosantos_aurentinoalonso

O Barco de Valdeorras será un dos primeiros concellos en acoller cursos formativos do proxecto CARES, unha iniciativa pioneira que busca revitalizar o medio rural a través do aproveitamento sostible da resina e a castaña. A proposta foi presentada polo equipo técnico da consultora Foresin ao alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e aos rexedores de Castro Caldelas, Vilar de Barrio e Vilardevós.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou que «esta iniciativa innovadora é unha aposta polo rural e pola xeración de emprego, dunha forma respectuosa cos montes e que pode previr unha vaga de lumes como a vivida». Con 1,6 millóns de euros de financiamento da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e fondos NextGenerationEU, CARES pretende fixar poboación no rural fomentando actividades produtivas todo o ano: a castaña no outono e a resina na primavera e verán.

«A idea é ofrecer formación de calidade que realmente chegue a persoas interesadas en dedicarse activamente a estas actividades», apuntou Santos. Os cursos, dirixidos principalmente a persoas desempregadas, terán lugar entre o 15 de outubro e o 15 de novembro, e o Concello do Barco será responsable de organizar as reunións informativas previas e captar participantes.

O compromiso do Concello do Barco con este proxecto subliña a súa aposta por políticas de emprego e desenvolvemento sostible no medio rural. O alcalde, Aurentino Alonso, valorou positivamente a iniciativa e avanzou que se traballará para atraer a poboación moza interesada en quedarse a vivir e traballar na comarca.

O Barco de Valdeorras súmase ao proxecto CARES para formar en actividades produtivas no...