O Barco ultima os preparativos para o Día dos Maios, cunha ampla participación e máis de 1.800 euros en premios

O Barco ultima os preparativos para o Día dos Maios, cunha ampla participación e máis de 1.800 euros en premios
As actividades desenvolveranse na Praza do Príncipe entre as 12.00 e as 20.00 horas, salvo que a meteoroloxía obrigue a trasladalas ao Pabillón da Avenida de España, unha opción prevista pola organización no caso de choiva durante a mañá

O Barco de Valdeorras xa ten todo a punto para celebrar o tradicional Día dos Maios o próximo 1 de maio. A cita, organizada pola concellería de Cultura, reunirá este ano a 27 artesáns na feira que acompañará a festa, 8 maios nas diferentes modalidades do concurso e 4 coplas que serán interpretadas ao longo da xornada.

As actividades desenvolveranse na Praza do Príncipe entre as 12.00 e as 20.00 horas, salvo que a meteoroloxía obrigue a trasladalas ao Pabillón da Avenida de España, unha opción prevista pola organización no caso de choiva durante a mañá.

O Concello repartirá preto de 1.800 euros en premios entre as modalidades de Maios (enxebres e artísticos), Coplas e Arcos Florais. Ademais, na categoría de Arcos entregarase un lote de libros valorado en 120 euros.

A participación está aberta tanto a persoas físicas como a entidades, que puideron presentar un ou varios proxectos. Os Maios deberán estar compostos exclusivamente con elementos vexetais non protexidos, e nas Coplas —escritas en galego— valorarase especialmente a orixinalidade, a retranca e o ritmo.

O fallo do xurado, composto por persoas vinculadas á organización e ao tecido cultural do Barco, darase a coñecer antes das 20.00 horas no recinto festivo.