martes. 24.06.2025

O Barco será a sede de dous exames de competencias dixitais

Están contemplados dentro da primeira convocatoria de carácter libre para obter a certificación galega no nivel de iniciación. Este 18 de setembro remata o prazo de inscrición para a primeira proba
somoscomarca_aulacemit_ordenadores_obarco_2022-12-5
Aula CeMIT en O Barco de Valdeorras

O Barco acollerá dous exames dentro da primeira convocatoria de carácter libre para obter a certificación galega en competencias dixitais no nivel de iniciación (ComDix Iniciación). Este 18 de setembro, remata o prazo para a inscrición para o primeiro dos exames, que se celebrará o día 22 de outubro. O segundo exame terá lugar o 24 de novembro, e a inscrición, neste caso, pode realizarse ata o 18 de outubro.

Aprobar o exame acredita aos interesados nos coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional. A inscrición é gratuíta. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon ao dispor das persoas interesadas en acceder á certificación contidos formativos en liña, a través da plataforma de teleformación da Rede CeMIT, que poden empregar para adquirir os coñecementos e habilidades definidas no Marco Galego de competencias dixitais.

A inscrición poderá realizarse a través do portal da Rede CeMIT cos únicos requisitos de ser maior de 16 anos e usuario da Rede. Os lugares, datas e horarios de cada unha destas edicións poden consultarse máis detalladamente na páxina web. Aquí figura o calendario das probas presenciais, que se celebrarán en 45 concellos de Galicia.

Para obter o ComDix Iniciación é preciso superar un cuestionario de 60-70 preguntas tipo test de diversa complexidade que inclúe a avaliación das 21 competencias establecidas na estrutura do Marco Galego ComDix, considerándose aptas aquelas persoas que superen o 70% do total das preguntas e o 60% das preguntas referentes a cada unha das seguintes 5 áreas: información e datos; comunicación e colaboración; creación de contido dixital; seguridade e privacidade; e contorna dixital e solución de problemas.

O Barco será a sede de dous exames de competencias dixitais