O Barco reivindica o seu papel como sede de actividades de ámbito provincial
A descentralización de servizos e actividades foi unha das principais reivindicacións do alcalde do Barco, Aurentino Alonso, durante a súa intervención semanal en Radio Valdeorras Onda Cero. O rexedor puxo como exemplo a celebración na vila do exame para a obtención do carné de artilleiro e dos actos do 186 aniversario da Garda Civil, dúas iniciativas que, ao seu xuízo, demostran que as comarcas tamén poden acoller eventos e servizos de ámbito provincial.
«Procede trasladar algunhas destas actividades ás comarcas ou ás zonas onde realmente se necesitan», afirmou Alonso, lembrando que Valdeorras conta cun importante sector vinculado ás canteiras e que moitos dos aspirantes ao exame de artilleiro eran veciños da comarca.
Sobre o acto da Garda Civil, destacou a gran resposta cidadá e a importancia de recoñecer o labor que desenvolve o corpo. «Os veciños e as veciñas das distintas comarcas tamén temos dereito a desfrutar deste tipo de actividades», asegurou.
A Feira do Viño abre unha nova etapa de crecemento
O alcalde tamén realizou unha valoración moi positiva da recente Feira do Viño de Valdeorras, marcada polo cambio de ubicación e pola elevada afluencia de público rexistrada durante as tres xornadas.
Alonso considerou que a nova localización permitiu dar «un peldaño máis cara arriba» a un evento xa consolidado e destacou especialmente a capacidade de crecemento que ofrece o novo espazo. «Eu creo que se consolidou este fin de semana como un evento moi importante na provincia de Ourense e abriu un camiño para seguir medrando», sinalou.
O rexedor puxo en valor non só a presenza de visitantes, senón tamén a programación paralela desenvolvida ao redor da feira, con showcookings, actividades infantís e zonas de lecer que contribuíron a ampliar o perfil do público participante.
Durante a súa intervención tamén destacou o pregón pronunciado polo actor valdeorrés Cristian Escuredo, do que salientou a capacidade para conectar coa memoria colectiva da comarca a través das súas vivencias arredor do viño e da tradición familiar. «Sempre leva o Barco e Valdeorras por diante», afirmou.
Alonso expresou ademais o seu desexo de que nas próximas edicións se incremente a participación das adegas da Denominación de Orixe. «Oxalá estean todas», concluíu, apelando ao compromiso colectivo cun dos principais escaparates da viticultura valdeorresa.
Fin de semana cargado de actividades
Máis aló destas cuestións, o alcalde repasou a ampla programación prevista para os próximos días no municipio. Unha das primeiras citas terá lugar este venres 5 de xuño coa exhibición das Escolas Deportivas Municipais de Ximnasia Rítmica e Zumba, que se celebrará na Praza do Concello a partir das oito da tarde. A actividade incluirá tamén unha master class aberta á participación de todas aquelas persoas que queiran sumarse á sesión.
Na mesma xornada chegará ao Teatro Lauro Olmo a nova produción de Gargallada Teatro, unha compañía que, segundo destacou Alonso, «sempre nos fai pasar un bo rato» grazas a unhas propostas marcadas pola retranca e o humor. A estrea terá lugar o venres ás 21.00 horas e repetirase o sábado ás 20.00 horas.
O apoio a Alcer e a promoción da doazón
O alcalde tamén quixo poñer en valor o traballo que desenvolve a asociación Alcer Ourense, coa que o Concello colaborará nas actividades organizadas arredor do Día Nacional do Doante de Órganos.
Entre elas figura o obradoiro de nutrición «Menos sal, máis maxia», previsto para o luns 8 de xuño, de 16.00 a 20.00 horas, no salón de actos do edificio multiusos. A participación será gratuíta e estará aberta ao público en xeral.
Ademais, o domingo 14 celebrarase o Alcer Fest, unha xornada lúdica destinada especialmente aos máis pequenos que contará con inchables, actividades infantís, festa da escuma, actuacións e servizo de comida no CEIP Julio Gurriarán. As entradas xa están á venda.
Segunda edición da Ruta dos Fornos e das Airas
Outro dos eventos destacados será a segunda edición da Ruta dos Fornos e das Airas de Soulecín, organizada pola asociación veciñal da localidade.
A actividade desenvolverase o sábado 6 de xuño e arrancará ás once da mañá cun percorrido a pé entre Viloira e Soulecín. A partir das 13.30 horas dará comezo a programación festiva na aldea, cunha xornada de convivencia que na súa primeira edición xa acadou unha notable participación.
Alonso animou á veciñanza a participar e lembrou que as prazas son limitadas. «Hai un límite de entradas, así que a xente que se mova porque ao mellor agótanse rapidamente», advertiu.
Deste xeito, o alcalde debuxou unha primeira quincena de xuño marcada pola actividade social, cultural e deportiva, nun calendario no que o Barco continúa combinando grandes eventos comarcais con iniciativas impulsadas polo tecido asociativo local.