
O Barco reforza os lazos culturais con Italia a través dun intercambio estudiantil
O alcalde e os concelleiros de Cultura e Deporte recibiron aos alumnos italianos de Basilicata no marco do programa de intercambio cos do instituto Lauro Olmo

O alcalde e os concelleiros de Cultura e Deporte recibiron aos alumnos italianos de Basilicata no marco do programa de intercambio cos do instituto Lauro Olmo
O alcalde do Barco, Alfredo García, acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, e o concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, deron a benvida esta mañá no Salón de Actos do Concello aos alumnos do Instituto Lauro Olmo que participan nun programa de intercambio cun instituto de Basilicata, Italia.
Esta é a segunda edición consecutiva deste programa de intercambio, no que nesta ocasión participaron oito alumnos e dous profesores de Basilicata. Hai unhas semanas, os estudantes do Barco tiveron a oportunidade de viaxar a Italia, e agora é a quenda dos alumnos italianos de pasar unha semana coñecendo O Barco e a comarca de Valdeorras.
Os participantes contan cun amplo programa de actividades para explorar a zona, descubrir os seus atractivos e mergullarse na cultura galega. Durante a benvida institucional, a concelleira de Cultura e Educación explicoulles a importancia da Festa do Botelo, unha celebración emblemática do municipio, e entregoulles unha camiseta conmemorativa a cada un deles. «Estou segura de que, a partir de agora, seredes os mellores embaixadores do Barco e da nosa Festa do Botelo en Italia», afirmou Pizcueta.
Pola súa banda, o alcalde Alfredo García destacou a relevancia destas iniciativas, que fomentan o coñecemento cultural mutuo e axudan a dar a coñecer os atractivos do Barco en Italia. Ademais, animou ao instituto a continuar con este tipo de proxectos, considerados unha grande oportunidade de aprendizaxe e enriquecemento persoal para os estudantes.
Este programa de intercambio non só fortalece os vínculos entre ambas as rexións, senón que tamén promove a internacionalización do ensino e permite que os alumnos adquiran novas experiencias e coñecementos nun contexto multicultural.