martes. 19.03.2024

O Concello de O Barco sacará a concurso, no último trimestre deste ano, o servizo de recollida de lixo e limpeza viaria. O custo do contrato calcúlase inicialmente en torno a un millón de euros ao ano, e nos pregos de condicións técnicas que se están a elaborar nestes momentos establécense importantes mellores con respecto ao contrato actual.

Polo momento celebráronse xa tres reunións da Comisión Informativa de Medio Ambiente para estudar este tema. Na última, celebrada onte, estudouse toda a documentación existente polo de agora para a redacción dos pregos técnicos, que están xa practicamente ultimados, á espera unicamente dun informe dos técnicos de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, e de volver a celebrar unha nova reunión da comisión informativa para a súa validación definitiva.

Este prego técnico recolle diferentes novidades con respecto ao servizo que se presta actualmente. Entre elas, a ampliación da plantilla de traballadores en tres persoas e a adquisición de nova maquinaria (unha furgoneta equipada cun grupo de presión para limpezas con auga fría e deterxentes, e un vehículo con compresor para o baldeo manual de rúas).

Tamén está previsto incrementar as zonas obxecto de limpeza viaria, e ampliar a frecuencia de servizos como o lavado de contedores. Unha vez se ultime o prego técnico, comezará o traballo de elaboración dos pregos administrativos para sacar o servizo a concurso. O alcalde espera que todo o traballo administrativo estea terminado en breve, “porque a intención é sacar o servizo a concurso no último trimestre deste ano”.

O Barco sacará a concurso o contrato da recollida de lixo e limpeza viaria neste ano