domingo. 22.06.2025

O Barco conmemora o 94.º aniversario da II República cunha homenaxe aos represaliados do franquismo

somoscomarca_deporte_ateneorepublicano_dia de la república8214

Este luns 14 de abril, coincidindo co 94.º aniversario da proclamación da Segunda República Española, o Ateneo Republicano de Valdeorras celebrou un novo acto conmemorativo no Monumento aos Represaliados, situado nos xardíns da Casa do Río Cigüeño, en O Barco de Valdeorras. Este espazo converteuse, un ano máis, nun punto de encontro simbólico para republicanos e republicanas da comarca.

Durante o acto, membros do Ateneo depositaron un ramo de flores e caraveis vermellos aos pés do monumento, obra do escultor Luis Fernández "Cochorro" composto por dous volumes de granito rosa —un con forma humana baleirada e outro que representa esa mesma silueta—, como homenaxe ás vítimas da represión franquista. A escultura foi financiada por cuestación popular, a través da venda de bonos e serigrafías, e contou coa participación das asociacións culturais Vía Nova, Sildoura e o Cineclub Groucho Marx.

 

portada_somoscomarca_deporte_ateneorepublicano_dia de la república8215

Seguidamente, procedeuse á lectura dun manifesto no que se puxo en valor a memoria dos que loitaron contra o fascismo. No texto, que o colectivo remitiu aos medios, destacaron: «Cremos que se algún require un recoñecemento e unha homenaxe son os miles de anti franquistas que pagaron un alto prezo persoal ou familiar por defender o réxime republicano nacido o 14 de abril de 1931 e as libertades sociais implantadas en pouco máis de cinco anos.

Os que foron valentes e decididos na oposición ao fascismo en España e Europa. Os que permanecen soterredos nas cunetas que nin tan siquera reciben a gratitude oficial. Os que vivos ou mortos ata a data non deixaron de ser invisibles. Viva a República. Pola III República.»

Este acto forma parte das iniciativas que o Ateneo Republicano vén realizando anualmente para manter viva a memoria histórica e reivindicar os valores republicanos. Ademais do labor conmemorativo, a entidade tamén se ten implicado noutras accións de recuperación da memoria, como a solicitude para retirar símbolos franquistas de edificios relixiosos da comarca en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.

A homenaxe rematou entre aplausos e consignas a prol da República e da súa continuidade: “Viva a República! Pola Terceira!”

O Barco conmemora o 94.º aniversario da II República cunha homenaxe aos represaliados...