jueves. 28.03.2024
somoscomarca_obarco_candidatospsoe_alfredogarcia_muncipales_2023 (3)
Alfredo García pide unha alta participación nas furnas o próximo domingo

O actual alcalde e candidato socialista á alcaldía, Alfredo García, valora moi positivamente a campaña realizada para estas eleccións municipais, “na que, coma sempre, tivemos a oportunidade de manter encontros cos veciños, explicarlles a nosa xestión e os proxectos de futuro, e tamén recibir suxestións e deberes para a próxima lexislatura”.

Trátase dunhas eleccións especialmente difíciles, “xa que son as primeiras municipais despois da pandemia e da guerra de Ucrania, dous acontecementos que, xunto co incendio de pasado verán, condicionaron moito a xestión municipal”. Pese a que moitos dos recursos municipais, tanto económicos como de persoal, tiveron que destinarse a atender as consecuencias desas circunstancias extraordinarias, “conseguise sacar adiante un bo número de proxectos”, di Alfredo García.

Ante os que din que o actual equipo de goberno está parado, García quere recordar que “para non facer nada, lle demos unha volta considerable a este municipio. Só hai que lembrar cómo estaba o Malecón, o barrio de Calabagueiros, o paso a nivel que cortaba en dous o casco urbano, e como estaban as rúas de prácticamente todo o pobo, as necesidades que tiñan os pobos ou as condicións de moitos servizos básicos”.

O Barco, afirma o alcalde, “viviu con nós unha transformación sen precedentes, e agora é o momento de que, se contamos coa confianza da veciñanza, sigamos coa segunda transformación do Barco”. Como un dos máis relevantes, menciona “a oficina do DNI e documentación, polo que supón para toda a veciñanza do Barco e a comarca de Valdeorras”.

Pero tamén é moi importante a obra de conexión da N-120 e a N-536, “anunciada por moitos gobernos de Madrid, pero que se iniciou agora”, e infinidade de proxectos na meirande parte dos núcleos de poboación do municipio. E iso sen esquecer “o logro do Día das Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán, a reforma das piscinas e do campo de fútbol, proxectos de aforro enerxético, posta en marcha do Plan de Mobilidade, a apertura da oficina de turismo, a posta en valor do Camiño de Inverno ou as campañas de apoio ao sector comercio e hostaleiro por mor da pandemia”.

Para os próximos catro anos, “temos proxectos, temos ilusión e temos gañas”, di Alfredo García, que encabeza unha candidatura “formada por homes e mulleres, mozos e veteranos, persoas con experiencia e novatos. Pero todos con tres características que lles unen: son traballadores, honrados e boas persoas”, indica, para engadir que se trata dunha candidatura moi completa, quedando claro que “somos a mellor opción para dirixir o Concello”.

Entre as propostas máis importantes para a próxima lexislatura, menciona “a terminación da conexión da N-120 coa N-536, que permitirá eliminar o tráfico pesado polo centro do Barco, “e iso permitiranos por en marcha proxectos que non serían posibles doutro xeito, entre eles a humanización da travesía da N-536 polo centro do Barco, que realizará e financiará o goberno central e beneficiará a todos os cidadáns”.

Pero tamén temos a intención de construir un novo paso soterrado baixo a vía á altura da rúa Xirimil, a remodelación integral da Praza Maior, a posta en marcha do Plan de Mobilidade e a ampliación do Parque Empresarial son algúns”. “Tamén”, engade Alfredo García, “hai que destacar a creación dun museo da Minería e dun centro de interpretación da Vía Nova.

En materia turística e deportiva temos infinidade de proxectos relacionados co Camiño de Inverno, o enoturismo e o turismo de natureza, coa creación de sendas peonís e circuítos deportivos en diferentes puntos. Construiremos un gran parque infantil no Paseo do Malecón, e está tamén previsto cambiar por completo o sistema de préstamo de bicicletas. Temos no programa a realización de obras en todos os núcleos rurais, relacionadas con melloras no abastecemento de auga, arranxo de estradas e camiños, etc, e queremos levar a cabo unha nova fase de ampliación do Cemiterio Municipal”.

Para o candidato, as eleccións “son a festa da democracia”, e é moi importante “una alta participación” da veciñanza. Especialmente nestas, nas que se elixirán ás persoas que gobernarán na administración máis cercana, “esa que toma as decisión que afectan máis directamente á cidadanía”.

“Fai falla que todos vaian a votar, porque hai que lembrar que nada está decidido, nada está gañado, fai falla que os votos entren nas furnas para que haxa un resultado claro nestas eleccións”, indica Alfredo García, que espera conseguir de novo unha maioría absoluta que lle permita gobernar en solitario a próxima lexislatura. O alcalde pide á cidadanía do Barco “un voto de castigo ao PP e ao seu presidente provincial, Manuel Baltar. Meréceo pola súa actitude de permanente desprezo para con O Barco, tomando sempre, como presidente da Deputación, decisións partidistas e caciquís que claramente prexudican non ao Concello do Barco, senón aos seus veciños”.

Alfredo García pide unha alta participación nas furnas o próximo domingo