domingo. 06.07.2025

PSOE e BNG únense para criticar a rebaixa do gasto en obras municipais por parte da Deputación

Unah representación de rexidores ourensáns presentou hoxe unha queixa diante da Deputación.
Unah representación de rexidores ourensáns presentou hoxe unha queixa diante da Deputación.

«O obxectivo das Deputacións é atender ós Concellos de menos de 20.000 habitantes e facelo cuns criterios equitativos, pero na de Ourense o gasto é discrecional e castiga ós municipios nos que non goberna o PP» Así de taxante se amosou hoxe Alfredo García, alcalde do Barco e presidente da FEGAMP, nun acto de protesta ante a Deputación de Ourense e na que PSOE, BNG e Democracia Ourensana se uniron para reclamar un reparto equilibrado dos fondos provinciais. Nos orzamentos do 2018, que foron presentados recentemente en Comisión, a partida destinada a Obras e Servizos redúcese de 55.000 a 48.000 € por municipio, o que supón unha baixada de 500.000 € en toda a provincia.

O rexidor barquense explicou que establecer unha cantidade fixa por municipio non responde ás necesidades do territorio e deixa a maior parte da inversión en mans do ente provincial. Tamén opina que esa baixada é «un acto de chulería» despois do anuncio da Deputación de que subiría esa partida a 60.000 €. «Os municipios pequenos van notar esa baixada de 7.000 € máis que O Barco pero, en realidade, o importante é que a Deputación non quere cambiar a maneira na que distribúe os recursos e invirte máis na capital e en cousas que non teñen que ver coa súa función», explicou García, presidente tamén da FEGAMP.

Outra das críticas que lanzaron os rexidores é que se endurecen os criterios para que sexa o municipio o que adxudique a obra. Ata o e agora se o Concello aportaba o 50% do orzamento podía facer o concurso, pero no 2018 terá que igualar o gasto da Deputación para poder facer a adxudicación. Ó seu entender, isto vai perxudicar ás empresas locais e favorecer ós contratistas habituais do goberno provincial.

«Desprezo absoluto por Valdeorras»

O alcalde de Allariz, Francisco García, tamén presente na protesta, destacou que no resto das Deputacións provinciais galegas xa se aplica un criterio diferente para redistribuir as inversións: «Na Deputación de Lugo comezouse a facer agora co apoio dos Concellos do PP, o cal é unha contradicción respecto ó que o seu partido fai aquí en Ourense». O alcalde do Barco destacou que seguindo eses criterios aprobados en Lugo, e que xa aplican en Pontevedra e na Coruña, O Barco recibiría 500.000 € para invertir en Obras e Servizos, aínda que poderían ser máis. «O Barco representa o 4% da poboación de Ourense así que nunha distribución proporcional do gasto tería que recibir 3,2 millóns dos 80 millóns de euros do orzamento provincial», puntualizou García, destacando a discriminación histórica da comarca: «Que sentimento teñen que ter os veciños da comarca de Valdeorras? Pois o que tiveron durante moitos anos, de desprezo absoluto por parte da institución provincial e de desprezo pola centralización dos servizos en Ourense capital».

PSOE e BNG únense para criticar a rebaixa do gasto en obras municipais por parte da...