
A secretaria xeral para o deporte visita instalacións deportivas do Barco

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, visitou na mañá do 31 de outubro a pista de pádel de Calabagueiros, no concello do Barco, a tenor do convenio asinado o pasado mes de setembro de 2017 coa Deputación de Ourense para a realización de obras nas distintas instalacións deportivas da provincia. Segundo este convenio, que conta cun orzamento de más dun millón de euros, a Secretaría Xeral para o Deporte subvenciona 500.000 euros - 400.000 na anualidade de 2017 e 100.000 na de 2018 - e a Deputación Provincial de Ourense achega case 528.000 euros na anualidade de 2018.
Salientou a secretaria xeral na súa visita que «a pista de pádel levada a cabo no Barco é unha das instalacións máis demandadas, polo que grazas a esta obra dótase aos veciños dun espazo para a práctica deste deporte ofrecendo un axeitado servizo». A ubicación elexida para a pista descuberta é a rúa Calabagueiros, onde se atopan a maior parte das instalacións deportivas do núcleo, como o campo de fútbol, coa súa pista de atletismo, o hangar de piraguas coa súa piscina de adestramento, pistas de tenis ou o pavillón polideportivo. Esta actuación contou cun orzamento total de 40.000 euros.
Do mesmo xeito, a secretaria xeral visitou as obras que se están a realizar na pista polideportiva da parroquia de Vilanova que tamén se acollen ao convenio coa Deputación e que contan cun orzamento de 137.000 euros. De cara ao novo exercicio orzamentario de 2019, a secretaria xeral avanzou que a Secretaría Xeral para o Deporte volverá a priorizar a construción e mellora das instalacións deportivas de Galicia, tanto propias como as de titularidade municipal.