A Ruta das Covas de Seadur planta cara á chuvia e reivindica o seu valor patrimonial
A chuvia non foi quen de deter á xente con ganas de gozar da Ruta das Covas de Seadur. Un ano máis, e xa van vinte, as antigas escavacións destinadas á conservación do viño enchéronse de vida, aromas e música tradicional. Case 2.000 persoas desafiaron o tempo e participaron no evento, consolidándoo como unha das citas máis singulares e esperadas da comarca de Valdeorras.
Este ano a organización apostou por repetir o formato da edición anterior, cun enfoque máis sostible e cultural: reduciuse o número de entradas dispoñibles, eliminouse a discoteca móbil e deuse protagonismo ao patrimonio, á música tradicional nas rúas e ás propias covas, auténticos tesouros etnográficos.
A importancia destas construcións foi recoñecida recentemente pola Xunta de Galicia, que vén de incoar o expediente para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de valor etnolóxico. Este recoñecemento implica a súa protección inmediata e supón un paso decisivo para garantir a súa conservación como parte do patrimonio cultural galego.
Turismo de Galicia tamén quixo estar presente nesta edición tan especial, habilitando unha cova propia. Ao evento asistiron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte. Ambos destacaron a relevancia desta celebración como escaparate da gastronomía galega e dos viños de calidade diferenciada, nomeadamente os pertencentes á Denominación de Orixe Valdeorras.
A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, salientou tamén o compromiso ambiental do evento, lembrando que desde hai tres anos os pinchos sérvense en materiais biodegradables: «Todo o que se usa para comer é de madeira ou azucre de cana. Así, tras pasar mil e pico persoas, o residuo é mínimo».
As covas de Seadur son espazos únicos: escavacións na terra pensadas para conservar o viño, con estruturas moi diversas —algunhas con adega diante, outras cunha antecova ou simplemente cunha porta de madeira como única intervención—. «O singular de Valdeorras son as covas. Adegas hai en toda Galicia, pero isto non. E, ademais, cada unha é distinta: cambian os materiais, o sistema de ventilación, a forma de entrar… Ningunha é igual», explica Carina Rodríguez, arquitecta técnica e unha das persoas que máis ten estudado estas construcións.
Xunto con Cristina de la Torre, Carina percorre desde hai meses a comarca para documentar estas xoias da arquitectura popular. O seu traballo cristalizará nun libro financiado por Turismo de Galicia, que promete ser unha nova fiestra para dar a coñecer e valorizar este patrimonio único.
Este ano, a Ruta das Covas mollou á xente por fóra... e por dentro. Pero, sobre todo, encheu de orgullo unha comunidade que sabe mirar cara ao pasado para construír un futuro máis sostible, identitario e festivo.